Saturday 23 de November de 2024

O pleno aproba a designación dos compoñentes das 295 mesas electorais de cara aos comicios municipais do vindeiro 28 de maio


O sorteo levouse a cabo por primeira vez de forma telemática, a través do portal web IDA_Celec, habilitado polo Instituto Nacional de Estatística (INE)

O pleno municipal, reunido este martes en sesión extraordinaria, resolveu a designación das persoas que integrarán as 295 mesas electorais nos comicios locais do vindeiro 28 de maio.

Por primeira vez, este sorteo aleatorio, que ata o momento se levaba a cabo de forma analóxica, executouse a través dunha nova ferramenta tecnolóxica habilitada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o portal IDA_Celec. O proceso, totalmente informatizado, habilitou a elección dos compoñentes das mesas electorais, xerando unha listaxe con todas e todos os electores resultantes.

Para cada unha das mesas designouse unha persoa que exercerá como presidente, dous vogais e cinco suplentes para cada un dos cargos anteriormente mencionados.

O procedemento para asumir o cargo de presidente e vogal nas mesas electorais

Os cargos de presidente e vogal das mesas electorais son obrigatorios, e non poden ser desempeñados por aquelas persoas que se presenten como candidatas. Por outra banda, e tras concretarse o sorteo, a designación como presidente e vogal para cada unha das 295 mesas electorais notificarase ás persoas interesadas nun prazo de tres días.

A este respecto, as persoas designadas como presidente e vogal das mesas electoraisdisporán dun prazo de sete días para alegar ante a Xunta Electoral de Zona a causa xustificada, e documentada, que lles impida a aceptación do cargo. De darse o caso, a propia Xunta Electoral de Zona resolverá nun prazo de cinco días e, comunicará, posteriormente, a substitución producida ao primeiro suplente da listaxe en cuestión.