— Ata o 5 de xuño poderase consultar a documentación e presentar achegas no portal de transparencia e na web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
— O obxectivo é que este espazo se converta no cuarto monumento natural en contar cun instrumento de planificación propio para protexer os seus principais valores
A Xunta de Galicia someterá durante un mes ao procedemento de participación pública as memorias iniciais do Plan de xestión e da proposta de modificación dos límites do monumento natural Costa de Dexo, declarado no ano 2000.
Tal e como se recolle no anuncio publicado hoxe no DOG, desde mañá e ata o vindeiro 5 de xuño poderase consultar toda a documentación no portal de transparencia da Xunta e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co fin de que todas as persoas interesadas poidan enviar as súas alegacións ou suxestións preferentemente por correo electrónico ou a través do formulario habilitado a tal fin.
Con este paso arranca de forma oficial a tramitación do futuro plan de xestión, que se enmarca na Axenda dos Monumentos Naturais de Galicia ratificada polo Consello da Xunta o pasado mes de abril e que ten como obxectivo que o 100% deste tipo de espazos protexidos teñan en marcha os seus instrumentos de planificación este ano.
Deste xeito, a Costa de Dexo —un lugar de grande importancia ecolóxica tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe— será o cuarto monumento natural galego que se dotará dun instrumento de planificación propio.
En concreto, o plan permitirá facer unha diagnose precisa do estado deste espazo natural, que se estende pola franxa litoral entre o cabo de Mera e o porto de Lorbé ao longo de aproximadamente 11 quilómetros, así como dos valores que é preciso protexer para, a través desta recompilación de información, establecer as medidas de planificación e xestión que permitan asegurar o seu mantemento nun estado de conservación favorable.
O novo instrumento de xestión, cuxo prazo de elaboración será dun máximo de 2 anos e que terá vixencia indefinida, deberá incluír a delimitación do seu ámbito de protección; os posibles riscos que poidan afectar aos seus valores naturais; os obxectivos de conservación; ou as normas de uso e aproveitamento do solo e os recursos naturais.
Así mesmo, o futuro plan de xestión tamén incluirá as normas relativas ao uso público de Costa de Dexo, así como as actividades científicas e educativas a desenvolver; a programación de actuacións a desenvolver; o programa de seguimento; a identificación das medidas para garantir a conectividade ecolóxica, establecendo e restablecendo corredores con outros espazos naturais de singular importancia para a biodiversidade e os instrumentos orzamentarios para cumprir os fins perseguidos coa súa declaración.
Ademais, aproveitando os estudos necesarios para elaborar o instrumento de planificación deste espazo natural vaise proceder a axustar cartograficamente a súa delimitación, aproveitando a actual dispoñibilidade de ferramentas tecnolóxicas moito máis precisas que as existentes no momento de definición dos límites deste monumento natural, declarado no ano 2000.