Friday 22 de November de 2024

Teatro, maxia, obradoiros e unha ofrenda floral para conmemorar o Día das Letras Galegas en Bergondo


· A primeira actividade terá lugar este venres, 5 de maio, e será un taller de cartón para construír bonecos.

· O martes 17 de maio, ás 11:30 horas, terá lugar a XIV Ofrenda Floral na Senra.

O Concello de Bergondo publicou a súa programación de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas 2023, que este ano se adica a Francisco Fernández del Riego. O teatro, a maxia, os obradoiros e a tradicional ofrenda floral enchen a axenda de actos.

A primeira actividade xa terá lugar este venres, 5 de maio, e será un taller de cartón para construír bonecos, a cargo de Mircromina Teatro de Títeres. En canto aos obradoiros, continuarán o venres 12 de maio cun de imprenta tipográfica creativa, de Alouette Machine, o venres 19 de maio cun obradoiro de creación de libros, impartido por Estefanía Padullés, e, por último, o venres 26 de maio, cunhas sesións de arrolos e cantigas de berce a cargo da Fundación Legar. O prazo de inscrición remata o mércores anterior a cada obradoiro.

A Senra será, unha vez máis, o lugar escollido para realizar a XIV Ofrenda Floral prevista para o martes, 17 de maio, ás 11:30 horas. No acto, aberto a todos os públicos, ademais da ofrenda haberá unha actuación do grupo ‘Gaiteiros de Bergondo’ e unha lectura de poemas do libro ‘Cartografía dos nomes’ (obra gañadora do II Premio de Poesía Filomena Dato) pola súa autora, Lucía Durán Paredes. Cada asistente será agasallado cun exemplar da obra.

No auditorio da Senra terá lugar o luns 15 de maio unha función escolar para o alumnado de primaria, ‘As nosas letras’, do Mago Teto, e o luns 22 de maio outra para secundaria, ‘Chulísima’, de Aldaolado’. Ademais, o sábado, 13 de maio, ás 18 horas, Lîlâ Teatro interpretará a súa función ‘Memorias dun can de palleiro’. Estas obras forman parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.