Friday 22 de November de 2024

Neda licita novamente as obras de pavimentación de vías de Anca e Viladonelle tras resolver por incumprimento o contrato da anterior adxudicataria


O Concello de Neda volve licitar, tras a resolución do contrato – adxudicado inicialmente a finais do 2022- por causa imputable ao contratista, os traballos incluídos no proxecto de Pavimentación de camiños na zona de Anca- Viladonelle. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 14 de maio para presentar as súas ofertas.

Tras notificar a Asfalgal Técnicas Viarias SL a decisión de resolver o contrato asinado en novembro, por mor do incumprimento dos prazos para pór en marcha os traballos, o Concello iniciaba de inmediato o proceso para volver sacar a contratación as obras.

As intervencións previstas no proxecto consisten na roza mecanizada, limpeza de cunetas, aglomerado en quente, e posterior pintado lateral dun total de tres pistas da rede viaria municipal. Son concretamente a pista de Vilar- Sandes, camiño en Vila de Anca e camiño de Porta da Pena, en Viladonelle.

As obras, que contan cun orzamento total de 67.857 euros, buscan mellorar a seguridade viaria nestas vías, cuxo firme se atopa nun estado de conservación deficiente, como consecuencia tanto do paso do tempo como do propio uso.