Saturday 16 de November de 2024

Unha exposición de Siro López abre o programa das Letras Galegas en San Sadurniño


O humorista gráfico ofrecerá o venres pola mañá un obradoiro de caricatura para a rapazada do CPI e presentará pola tarde a colección “Ilustres das Letras”, exposta ata fin de mes na Casa do Concello

O Concello de San Sadurniño tamén programou o ciclo “Venres de Letras”, que concentrará as actividades co gallo do 17 de maio

O Día das Letras Galegas está dedicado na súa 60ª edición ao intelectual e activista cultural Francisco Fernández del Riego. Recomendamos afondar sobre a súa figura no especial do Consello da Cultura Galega –consellodacultura.gal-, do que el foi un dos principais promotores. De feito, Fernández del Riego foi, xunto con Ferro Couselo e Manuel Gómez Román, quen lle propuxo á RAG que houbese un día dedicado ás nosas letras e que o primeiro fose o 17 de maio de 1963, cadrando co centenario da publicación de “Cantares Gallegos” de Rosalía Castro. Xusto 60 anos despois da primeira celebración, o progatonista da homenaxe é o propio Del Riego. Para renderlle tributo, o Concello de San Sadurniño preparou un programa denominado “Venres de Letras” -e un xoves- co que reivindicar, ademais, a nosa lingua e a nosa cultura. O ciclo ábreo este mesmo luns a exposición “Ilustres das Letras” do debuxante e humorisa gráfico Siro López, que poderemos visitar durante todo o mes na galería da Casa do Concello nos horarios de apertura das oficinas municipais. A mostra inaugurarase oficialmente o venres á tarde -17:00h- e, ademais, Siro tamén lle ofrecerá á rapazada do CPI un obradoiro de caricatura ao aire libre.

Venres 5 de maio: Inauguración da mostra “Ilustres das Letras” de Siro López
Tal e como comentamos, o xornalista e debuxante Siro López virá por San Sadurniño o venres 5 de maio para manter un encontro coas alumnas e alumnos de Secundaria do CPI -ás 12:00h- e ofrecerlles un obradoiro de caricaturas ao aire libre, que se desenvolverá nos xardíns municipais (na Casa da Cultura se chovese). Pola tarde, ás 17:00h, inaugurarase a mostra “Ilustres das Letras” na Galería do Concello, onde poderá visitarse do 1 ao 31 de maio. O propio Siro presentará a colección de 25 caricaturas orixinais dalgúns dos nomes homenaxeados ao longo da historia das Letras Galegas, desde Rosalía ata o propio Fernández del Riego.

Venres 12 de maio: Faladoiros de onte e antonte
O alumnado da ESO participará durante a mañá do venres 12 nun evento de carácter interxeracional parolando con veciñas e veciños maiores do concello sobre canto cambiaron os tempos e como era a súa vida na mocidade. Quen desexe participar na cita respondendo ás preguntas da rapazada pode contactar co Técnico de Cultura no 616 332 919 para organizar os grupos e horarios. O almorzo vai por conta do Concello.

Xoves 18 de maio, 11:00h: “Brincadeiras da lingua”
A compañía Migallas Teatro trae á Casa da Cultura o espectáculo para alumnado de Primaria “Brincadeiras da lingua”, co que descubrirán a grande riqueza e variedade de ditos e recitados da sabedoría popular galega. O obxectivo da proposta escénica é fomentar entre a rapazada e amocidade a conservación e difusión dese riquísimo patrimonio inmaterial, que só pode manterse vivo co seu uso. As “Brincadeiras da lingua”, concibidas como unha actividade participativa e moi entretida, ofrécense coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Venres 19 de maio, 13:00h: “Fazulas e o ladrón de paraugas”
Outro espectáculo, neste caso para as nenas e nenos máis pequenos do colexio, contaranos a viaxe iniciada polo gato Fazulas na súa teima por saber de que cor é o vento. A obra infantil montada pola compañía Bandullo Azul tamén conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación.