Barral quere que Ribeira volva ter chan industrial no que asentar empresas
O BNG da Barbanza participou na manifestación que a CIG celebrou en Ribeira con motivo do primeiro de maio.
O responsábel comarcal, Luís Pére Barral deixou tres reflexións. Primeiro, estamos ante unha crise de prezos que é unha estafa á maioría, segundo que esta crise está afectando moito aos galegos e galegas e que o 1º de Maio segue a ser unha xornada para reivindicar unha sociedade máis xusta.
“Estamos ante unha crise de prezos onde vemos os escandalosos beneficios que teñen as eléctricas ou a banca fronte as dificultades dos e das traballadoras para chegar a fin de mes; de feito o incremento do beneficio empresarial está moi por riba do da clase traballadora, sete veces máis que os salarios”, explicou.
No Bloque aseguran que os galegos e as galegas están pasando moitas dificultades nesta crise porque o IPC sobe máis que na media do Estado, a pesar de que temos salarios por debaixo da media e as segundas pensións máis baixas.
“E pese a todo, temos un Goberno do PP instalado na prepotencia e desconectado da realidade da xente do común, incapaz de tomar medidas a favor da maioría social porque goberna para unha minoría como demostra o pelotazo fiscal de 33 millóns de euros ás persoas máis ricas de Galiza mentres retira a tarxeta básica para axudar as familias que máis o precisaban”.
O Primeiro de Maio é un día de reivindicación, para recordar que os dereitos que se lograron foi a base de loita social, por iso segue a ser unha xornada “de loita e reivindicando dunha sociedade máis xusta, onde os traballadores e traballadoras teñan dereito a unha vida digna en lugar da precariedade que soporta unha maioría, sobre todo a xente moza obrigada a emigrar”.
Barral asegurou que “temos claro que o futuro pasa por ganar máis dereitos e aí é onde vai estar sempre o BNG reivindicando unha sociedade xusta, igualitaria onde non vexamos a tantas persoas que non chegan a fin de mes, unha sociedade na que a xente teña tranquilidade e unha vida digna”.