As obras correspondentes ao subministro eléctrico da estación, situada na rúa Illas Sisargas prolongaranse ata a segunda semana de maio
O servizo municipal de Infraestruturas vén de dar luz verde á empresa UFD Distribución Eléctrica – Grupo Naturgy para iniciar os traballos previos á instalación da nova base de BiciCoruña no barrio de Novo Mesoiro, estación que estará situada na rúa Illas Sisargas, próxima á rotonda que conecta coa avenida Novo Mesoiro e as rúas Illas Cíes e Laxe.
As obras, que xa están en marcha, prolongaranse ata mediados de maio, período no que se levará a cabo a intervención de canalización necesaria para adecuar os puntos de subministro eléctrico para a posta en marcha da base. Este trámite, fundamental para conectar os puntos de recarga das bicicletas, irá seguido da instalación da estación de BiciCoruña.
Neste sentido, o proceso para que a base entre en funcionamento implica a súa activación posterior, cuestión que habitualmente se resolve nun prazo de dúas ou tres semanas, dependendo dos casos, ao implicar trámites como a correspondente revisión da instalación eléctrica unha vez está conectada á base —co obxectivo de evitar posibles sobrecargas—, a instalación do software asociado ao servizo e tamén á autorización final de Industria.
A previsión do Concello é que a estación de BiciCoruña na rúa Illas Sisargas estea dotada con 23 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos.
Ao igual que as 40 bases xa operativas nos barrios da cidade, e unha vez esté posta en marcha, a estación de Novo Mesoiro na rúa Illas Sisargas estará dispoñible desde as 7.00 da mañá á 1.00 da madrugada, facilitando os desprazamentos laborais a primeira hora e tamén o regreso das persoas usuarias aos seus domicilios en horario nocturno.