A galega Eva Rodríguez Loredo, do Club San Francisco Teo, obtivo a medalla de bronce na modalidade de kumite junior -48
O Palacio dos Deportes de Riazor acolleu este domingo a derradeira xornada da Youth League de karate, a competición máis importante do mundo en categorías inferiores desta disciplina deportiva.
A Youth League comezou o pasado xoves 27 de abril, sendo a primeira vez que se celebraba esta competición en España. Desta forma, durante esta semana, A Coruña abriuse ao mundo do karate a escala internacional, con 72 países participantes no torneo e a presenza de ata 2.732 deportistas, 550 adestradores, 323 clubs, 70 árbitros e árbitras e 70 persoas correspondentes ao staff técnico.
Nestes últimos catro días, a competición puxo fronte a fronte a karatekas adscritos ás categorías sub-21, sub-14, cadete e junior. O balance de gañadores deixou un total de 32 medallas para os deportistas españois, entre todas as categorías: 9 de ouro, 7 de prata e 16 de bronce. Unha destas últimas colleitouna a galega Eva Rodríguez Loredo, do Club San Francisco Teo, que obtivo medalla na modalidade de kumite júnior -48.
A este respecto nesta edición do torneo participaron un total de 30 deportistas galegos, dos cales cinco formarán parte da selección nacional. A proba é clasificatoria para os Xogos Olímpicos da Xuventude do 2024, que se celebrarán en Gangwon (Corea do Sur).
Ademais, durante a Youth League tamén se levaron a cabo diversas actividades paralelas para achegar á cidadanía ao mundo do karate, como un campus de adestramento dirixido por importantes referentes mundiais deste deporte. Participaron Iván Leal Reglero, dúas veces Campión do Mundo de Kumite; Luca Valdesi, tres veces Campión do Mundo de Kata; Damián Hugo Quintero Capdevila, Campión do Mundo e Subcampión Olímpico de Kata; e Douglas Brose, tres veces Campión do Mundo de Kumite.