Friday 22 de November de 2024

O Trofeo Miguelito enche o Coliseum da Coruña de milleiros de judokas procedentes de toda Galicia


Na 35ª edición do trofeo homenaxeouse, ademais, a Francisco López, pai de Miguel Ángel López, judoka coruñés que perdeu a vida aos 19 anos e dá nome ao certame

A edición número 35 do Trofeo Miguelito de Judo, que se celebrou, un ano máis, no Coliseum, encheu as instalacións de milleiros de mozos e mozas chegados de localidades das catro provincias galegas para participar este domingo en distintas probas nos diferentes tatamis, dispostos por categorías.

O trofeo é xa un dos referentes do deporte coruñés e amosouno durante esta intensa mañá. Ademáis das persoas participantes, máis de 15.000 asistentes encheron as bancadas durante as diferentes quendas programadas ao longo deste domingo. “Para o Concello é unha honra poder contar cada ano con este trofeo e comprobar a implantación que ten un deporte como o judo entre a xuventude da nosa cidade, así como recibir a visita de tantos mozos e mozas de toda Galicia, iniciativas como esta contribúen á difundir os deportes e os hábitos de vida saudables entre as xeracións máis novas”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

Nesta edición, no contexto da entrega de trofeos, homenaxeouse a Francisco López, pai de Miguel Ángel López Pérez, judoka coruñés que perdeu a vida con 19 anos e que dá nome ao certame. O Trofeo Miguelito púxose en marcha no ano 1989, contribuíndo así a perpetuar a lembranza de Miguel Ángel López Pérez e tamén a fomentar a práctica do judo na cidade da Coruña.