Friday 22 de November de 2024

Un milleiro de persoas participou este domingo na edición número 28 da Carreira Alternativa


A praza de María Pita foi o epicentro do evento, con numerosas actividades e xogos para todos os públicos

A Carreira Alternativa, baixo o lema ‘Pola inclusión e a igualdade’, congregou nas rúas da cidade a un milleiro de persoas durante a mañá deste domingo, na súa edición número 28. A proba transcorreu polo paseo marítimo tras darse a saída en María Pita, que foi o epicentro das celebracións. Ao acto asistiu a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira. Tamén estivo presente o ex xogador de baloncesto coruñés Fernando Romay.

Durante toda a mañá, na praza de María Pita leváronse a cabo diferentes actividades deportivas e xogos para todas as idades. Xa á conclusión da carreira, o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, tomou parte no acto de entrega de trofeos posterior ao percorrido pola cidade.

A Carreira Alternativa, sen dorsais nin inscricións, ten un carácter reivindicativo e busca a participación de toda a cidadanía, sexa cal sexa a súa condición, en probas deportivas. O Concello colabora na realización deste evento, organizado pola Asociación Galega de Xestión Deportiva e Be One.