Saturday 16 de November de 2024

A Xunta recibe 2 ofertas para executar as actuacións de mellora de 55 paradas de autobús en estradas autonómicas de acceso á cidade da Coruña


― Estas intervencións, licitadas por case 1,4 M€, permitirán actuar nas paradas correspondentes á zona oeste de acceso á cidade situadas en 6 estradas autonómicas ao paso por 7 concellos das comarcas da Coruña e de Bergantiños

― Acondicionaranse 26 paradas en Arteixo, 3 na Coruña, 13 en Culleredo, 9 en Carballo, 2 en Cerceda, 1 en Malpica e 2 en Ponteceso

― Os traballos inclúen a mellora da contorna, coa execución de sendas ou beirarrúas, a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas

A Xunta recibiu 2 ofertas de empresas para executar as actuacións de mellora da accesibilidade e conectividade de 55 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas ao paso das rutas de acceso á Coruña.

Estas intervencións, licitadas por case 1,4 M€, permitirán actuar nas paradas correspondentes á zona oeste de acceso á cidade Coruña situadas en 6 estradas da titularidade da Xunta ao paso por 7 concellos das comarcas da Coruña e de Bergantiños.

A través deste contrato melloraranse as paradas situadas nas estradas autonómicas AC-400, AC-413, AC-414, AC-418, AC-424 e AC-552. Concretamente, no concello de Arteixo, melloraranse 26 paradas; na Coruña 3; en Culleredo 12; en Carballo 9; en Cerceda 2; en Malpica 1 e en Ponteceso 2.

Como resultado do procedemento de información pública, nesta actuación incorporaranse dúas novas paradas propostas polo Concello de Arteixo, ambas as dúas situadas en dominio público viario na AC-552.

Tamén se retiraron do proxecto varias paradas nas que o Concello de Arteixo xa ten previsto actuar con plans e programas municipais en marcha; e realizáronse axustes nos deseños das paradas, a petición do Concello de Arteixo e do Concello da Coruña.

As intervencións a executar polo adxudicatario deste contrato consistirán no acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.

Tamén se inclúe a instalación de novas marquesiñas ou a colocación de varandas para protexer aos usuarios onde haxa desniveis.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas para a mellora de 1.100 paradas en toda Galicia cun investimento previsto de arredor de 35 M€.

Os proxectos están financiados ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.