A próxima semana presentaremos o programa completo de actividades que se desenvolverán arredor do 17 de maio
O teatro está presente nos diferentes programas culturais que desenvolve o Concello de Carballo ao longo do ano, e tamén o estará no Programa das Letras, que presentaremos integramente a vindeira semana. As actividades arrincarán o venres 5 coa actuación da Escola de Teatro Melandrainas, que presentará a adaptación teatral da novela Flores de ferro, da larachesa María Rei Vilas. O espectáculo, organizado pola Deputación da Coruña, comezará ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, con entrada libre ata completar capacidade.
Flores de ferro é unha montaxe teatral creada por mulleres para dar visibilidade a outras mulleres. A Escola de Teatro Melandrainas cualifica a súa proposta coma “un proxecto de teatro 2.0”, no que se mesturan a representación en vivo coa proxección audiovisual para relatarnos as vivencias de Camila, protagonista do libro, a finais dos anos oitenta, cando descobre a verdadeira historia da súa familia.
Este proxecto teatral involucra a máis de sesenta persoas, e ademais é un traballo inclusivo, tanto porque o elenco está formado por persoas con diferentes capacidades como porque participan persoas de todas as idades, dende bebés ata maiores de 85 anos. Sen dúbida, unha proposta da que gozaremos o vindeiro venres.
No Programa das Letras de Carballo non poden faltar as actividades tradicionais do 17 de maio, como o concurso de pintura que organiza Lumieira desde hai anos ou a proposta non menos clásica Letras na Rúa, entre outras moitas actividades organizadas tanto dende o Concello de Carballo como por parte do movemento asociativo. Pero este ano tamén estará moi, moi presente a figura de Carlos O Xestal. Dentro do Ano do Xestal desenvolveranse varias iniciativas nas que contamos coa colaboración dos centros escolares e do Conservatorio Profesional de Música (CMUS).