Friday 22 de November de 2024

Os delincuentes informáticos utilizaron un virus ramsomware para o ciberataque ao Concello de Carballo


Hoxe quedaron habilitados nove equipos que permiten seguir ampliando os servizos de atención ao público

Un virus ramsomware foi a vía utilizada polos delincuentes informáticos para perpetrar o ciberataque ao Concello de Carballo na madrugada do mércores. Dende o primeiro momento, expertos da Axencia de modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) e de varias empresas, en coordinación co informático municipal, están a traballar as 24 horas do día para intentar restablecer os servizos canto antes pero, sobre todo, coa máxima seguridade.

Despois de habilitar un equipo para o padrón municipal e outro para o rexistro na xornada do xoves, hoxe empezaron a funcionar outros sete postos que permiten seguir ampliando os servizos de atención ao público, e a partir do martes seguiranse instalando novos equipos nos diferentes departamentos. Así mesmo, hoxe quedou todo preparado para o sorteo electrónico das mesas electorais, que se celebrará no pleno extraordinario convocado para o martes 2 ás 14.00 horas.

A empresa encargada da copia de seguridade confirmou que puido recuperarse toda a información existente ata as 10.00 horas do día 25, polo que, tan pronto como se realice o envío, coas debidas medidas de seguridade, poderá empezar a ser utilizada nas diferentes áreas municipais.