Saturday 16 de November de 2024

A alcaldesa desprazouse ao pavillón Campo da Serra para asistir á Feira de Captación do Talento organizada polo Concello


A alcaldesa da cidade desprazouse esta mañá ao pavillón Campo da Serra para asistir á Feira de Captación do Talento, organizada polo Concello e na que participan unha trintena de empresas, entidades e institutos da zona. Ao longo da mañá realizáronse charlas da empresa Navantia, da Armada, dos FP Duais de Fene e Ferrol e ás 12.30 horas deu comezo a conferencia do expiloto de automobilismo Jaime Alguersuari.

O expiloto, de 33 anos, recordou que hai seis anos que se retirou, tras comezar nese mundo aos 8 como un xogo, tal e como asegurou. Alguersuari destacou a importancia da “axuda, actitude e traballo en equipo das persoas” e falou tamén sobre a “xestión e adaptación ao cambio”. Tras recalcar que “non dou clases nin leccións de vida a ninguén pero utilicei técnicas que me foron ben e que quero compartir con vós”, asegurou que “o equipo é todo”. Centrouse en que “todo traballo, por pouco valorado que pensemos que é, conta, máis aínda en estruturas grandes cun obxectivo común, que é sacar o mellor de ti”. Así mesmo, abordou o tema da importancia da actitude e a unidade en equipo e falou sobre “os problemas do ego, que matan o talento e destrúen toda enerxía e maxia”. A credibilidade, o traballo das persoas, o rol do líder, como organizar un equipo e a asunción de responsabilidades foron outros dos asuntos abordados na súa intervención. Ao remate da mesma o expiloto respostou ás preguntas que formularon algúns dos asistentes e percorreu os stands da Feira de Captación do Talento coa alcaldesa, Marián Ferreiro.

A rexedora local felicitouno pola súa charla, agradecendo que se desprazase a Narón para participar neste evento organizado polo Concello. Así mesmo, Ferreiro conversou cos representantes das empresas e entidades participantes no evento, para os que tamén tivo palabras de agradecemento polo labor que desenvolven na cidade en particular e na comarca e fóra dela en xeral.

Pola tarde retomáronse as sesións ás 16.00 horas, comezando pola charla que impartiu persoal de Agroflor para continuar coas da Confraría de Barallobre -17.00 horas-, Confederación de Empresarios Ferrolterra -16.00-, e as empresas J. Rilo -18.30- e Gabadi -19.00-.

As persoas interesadas en asistir a este evento, con entrada de balde, poderán facelo tamén mañá todo o día, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Na xornada de mañá reabrirá a feira ás 11.00, cunha charla a cargo de persoal da Asociación de Jóvenes Empresarios, ás que seguirán as impartidas por persoal de ElectroRayma -11.20-, Academia Postal -11.40-, Asociación de Empresarios Ferrolterra -12.00- e a conferencia a cargo do empresario Emilio Duró -12.30 horas-. Xa pola tarde, serán as impartidas por representantes do Campus de Ferrol -16.00-, a Asociación Mulleres Ártabras -17.00-, a da vicereitora de estudantes e inclusión na UNED Ana Lisbona, -17.30- e pechará a programación desta segunda edición da Feira do Talento a da Asociación de Comerciantes de Narón -19.00 horas-.