O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña colabora coa Universidade da Coruña na publicación do libro “Cuando viajar se explica con palabras”
O turismo é un piar fundamental para A Coruña. “Todos sabemos que A Coruña é unha cidade acolledora por natureza. Unha cidade en continuo movemento, con viaxeiros de partida e de destino”, expresou o concelleiro de Turismo e presidente do Consorcio de Turismo e Congresos de A Coruña, Juan Ignacio Borrego, hoxe na presentación do libro “Cuando viajar se explica con palabras”.
O Consorcio colabora na publicación deste volume, centrado en literatura de viaxes, que deixa constancia das peripecias viaxeiras de numerosos autores. “Unha obra que toma como punto de partida o primeiro congreso especializado en literatura de viaxes e que se celebrou nesta cidade na etapa da pandemia, con 120 especialistas tanto españois como estranxeiros”, expresou Borrego, acompañado no acto de profesores da Universidade da Coruña, de Nancy Vázquez, vicerreitora de Planificación Académica da UDC, de Mónica Martín, unha das editoras e de representantes do Grupo Hispania.
Nesta obra hai referencias a Cuba, Babilonia ou Italia, con textos elaborados por autores de distintas disciplinas, coma o arquitecto Andrés Fernández-Albalat ou a escritora Carmen Laforet. “Quero expresar o meu agradecemento á Universidade da Coruña por facer posible esta compilacion de literatura de viaxes que sitúa a nosa cidade, unha vez máis, no foco das viaxes e das letras. Tamén á Reitoría da Universidade por facelo posible”, engadiu Borrego, que expresou o seu desexo para que este proxecto teña continuidade, con máis congresos que combinen literatura e turismo.