Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño presentará na Feira da Plantación o proxecto divulgativo “Terra de vida”


A iniciativa botará a andar en xuño con obradoiros e percorridos guiados polos espazos verdes próximos á zona urbana

A cooperativa Rexenerando ofrecerá información sobre o proxecto no posto institucional situado na feira deste domingo

O Concello de San Sadurniño vai presentar este domingo 30 de abril, no marco da Feira da Plantación, a iniciativa “Terra de vida”, centrada na divulgación dos espazos verdes do municipio. “Terra de vida” é unha nova liña de traballo coa que dar a coñecer e dinamizar a infraestrutura verde composta polos terreos da Cortiña (arboreto, horta, apiario e fraga máxica) e o Pazo e Xardíns da Marquesa, así como os saberes e valores que os articulan. Un obxectivo que se concreta na edición e publicación de novo material gráfico sobre os itinerarios e, máis que nada, na programación de percorridos guiados e obradoiros didácticos que se porán en marcha a partir de xuño e que poderán solicitar tanto centros de ensino como familias e outros grupos organizados.

Estes espazos verdes e culturais máis próximos ao centro urbano xa conformaban un percorrido circular de tres quilómetros -a coñecida como “Ruta da Natureza”-, que agora se actualiza en canto ao contido e propoñendo actividades para públicos diversos.

Por unha banda ofreceranse visitas guiadas para persoas adultas, familias e grupos de centros de ensino (alumnado maior de seis anos). O itinerario deseñado, de hora e media de duración, conta con oito paradas nas que se irán explicando tanto a historia como os valores paisaxísticos, ambientais e patrimoniais que se irán vendo a cada paso, empregando unha linguaxe e un xeito de contar adaptado ás características e intereses de cada grupo de visitantes.

Ademais, “Terra de vida” tamén brindará a posibilidade de participar en obradoiros didácticos orientados a público familiar e grupos de escolares -maiores de 6 anos- arredor da educación ambiental e do consumo responsable. Neste caso proponse explorar o espazo cos cinco sentidos, de maneira que as persoas participantes aprendan a valorar a riqueza e a diversidade da zona, parte dela integrada en Rede Natura 2000.

O proxecto “Terra de vida” ten xa marcadas no calendario as datas para as dúas primeiras actividades, que serán un obradoiro para familias o venres 9 de xuño ás 18:00h (6€ menores de 14 anos e 9€ maiores desa idade) e unha visita guiada para público adulto o sábado 10 de xuño ás 11:00h. (12€). A data límite para anotarse en calquera destas dúas propostas é o 6 de xuño. Débese enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar ao 616 332 919. Nese mesmo contacto pódense solicitar novas datas para grupos pechados, como poden ser escolares, asociacións, etc. Os prezos de todas as actividades poden consultarse nesta ligazón.

Novo material divulgativo
Para levar a cabo o proxecto “Terra de vida”, o Concello conta co apoio técnico da Cooperativa Rexenerando, que xunta case dez anos de experiencia no deseño e posta en práctica de accións divulgativas no ámbito da historia, a educación para a sostenibilidade e a igualdade de xénero. A cooperativa encargarase durante este ano das visitas e obradoiros programados e, ademais, tamén elaborou novo material informativo sobre os espazos verdes da zona urbana.

A guía interpretativa pode lerse en liña a través de issuu e tamén estará dispoñible en papel no posto de información instalado polo Concello na Feira da Plantación deste domingo. A nova publicación contén textos e imaxes que dan conta da historia dos lugares incluídos na “Ruta da Natureza”, o seu sentido e valores e as accións que se fan actualmente. Contén enlaces a recursos complementarios para ampliar a información, e pretende ser un libriño que acompañe as visitas guiadas ou autónomas que as persoas poidan facer a estes espazos.

Segundo comentan desde Rexenerando, “Terra de vida” pretende ser un “novo chanzo” na aposta do Concello de San Sadurniño “por un rural vivo e digno, habitado e habitable, consciente da súa historia e os seus recursos, e aliñado coa sustentabilidade ambiental, social e económica”.