Friday 22 de November de 2024

O xurado do concurso de ideas para o mercado de Santa Lucía volverá reunirse en vindeiras semanas, tras validar hoxe os 14 proxectos presentados


A intervención en Santa Lucía, no barrio da Falperra, permitirá a remodelación da instalación para que funcione posteriormente como centro cívico, centro de saúde e tamén como mercado

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, presidiu este venres a primeira reunión do xurado que determinará a proposta gañadora do concurso de ideas convocado para rehabilitar o mercado de Santa Lucía.

Tal e como se notificou o pasado mércores, a Xunta de Goberno Local aprobou o nomeamento das oito persoas que compoñen o xurado, que hoxe certificou que os 14 proxectos presentados ao concurso cumpriron os requisitos marcados na convocatoria.

O xurado volverá reunirse nas vindeiras semanas para avaliar as propostas existentes, con vistas a determinar proximamente o veredicto correspondente ao proxecto gañador. As e os integrantes do xurado son os seguintes:
● Presidente: Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Vivenda Infraestruturas e Mobilidade no Concello da Coruña.
● Vogais: Roberto Costas Pérez, presidente da Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; María Sonia Vázquez Díaz, profesora da Escola Técnica Superior de Arquitectura; Beatriz Moar Ulloa, xefa do servizo de Edificación do Concello da Coruña, Alberto Manuel Vázquez Aguilar; xefe do servizo de Rehabilitación e Vivenda do Concello da Coruña; Alicia Resille Martínez, arquitecta do servizo de Proxectos de Edificación da Axencia Galega de Infraestruturas; e Jesús Álvarez Flórez, subdirector xeral de Investimentos da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Sergas.
● Secretario: Antonio Alfeirán Rodríguez, director da área de Infraestruturas e Mobilidade do Concello da Coruña.

Neste sentido, cómpre lembrar que os proxectos que forman parte da convocatoria, un total de 14, optan a redactar o proxecto de reforma e rehabilitación do mercado, situado no barrio da Falperra. A intervención prevé unha remodelación da instalación para que funcione posteriormente como centro cívico, centro de saúde e tamén como mercado —reserváronse 400 metros cadrados do inmoble para este uso específico—.

O concurso de ideas: 45.000 euros en premios

As bases administrativas do concurso de ideas para rehabilitar o mercado de Santa Lucía aprobáronse o 15 de febreiro en Xunta de Goberno Local, coa posterior apertura dun prazo de 45 días naturais para que as persoas concursantes fixesen entrega das súas respectivas propostas, prazo que rematou o día 3 de abril. Tras esta fase, validouse a documentación presentada por un total de 14 participantes.

As bases deste concurso de ideas establecen a redacción completa do proxecto básico e de execución para a rehabilitación do edificio, incluíndo o estudo de seguridade e saúde, así como o de xestión de residuos e das certificacións enerxéticas precisas para que a instalación respecte os estándares marcados pola normativa da UE.

Destínanse un total de 45.000 euros ao concurso de ideas do que sairá o proxecto de Santa Lucía. Haberá un primeiro premio de 20.000 euros, un segundo de 15.000 euros e dous accésits de 5.000 euros cada un.

O autor ou autora do proxecto gañador encargarase tamén da redacción dos proxectos básicos e de execución, así como da dirección de obra, para o que se prevé un investimento máximo de 473.000 euros.