Saturday 16 de November de 2024

A alcaldesa de Bergondo despreza e fai caso omiso dos requerimentos da Valedora do Pobo


Juan Fariña anuncia que suprimirá con carácter inmediato a cita previa obrigatoria no concello cando chegue á alcaldía.

Alternativa dos Veciños oponse de forma tallante ao mantemento da cita previa obrigatoria para que a veciñanza sexa atendida de xeito presencial en certos departamentos da administración local onde este anacronismo insultante para a cidadanía aínda se conserva, como son o rexistro e padrón municipais. Como xa explicamos en reiteradas ocasións non nos opoñemos á existencia da cita previa, pero sempre e cando esta non sexa obrigatoria, é dicir, que non sexa condición sinequanon para que a xente sexa atendida neses lugares de modo presencial.

O pasado 2 de marzo Juan Fariña -en representación de Alternativa dos Veciños de Bergondo- recibiu notificación da Valedora do Pobo comunicando o acuse de recibo da denuncia presentada ante esa institución polo noso grupo. O 24 de marzo recibía nova notificación explicando a admisión a trámite da denuncia e especificando que, “en principio, dita demanda atopa “cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución”. No mesmo escrito se dicía que “con data de hoxe iniciamos as actuacións oportunas ante o Concello de Bergondo. En concreto requirimos desa administración que no prazo de 15 días, de acordo co previsto no artigo 22.1 da Lei do Valedor do Pobo, nos facilite información sobre os problemas que motivan a súa queixa”. Unha nova comunicación da Valedora, esta vez o 27 de abril, advirte que “dado que o concello de Bergondo aínda non remitiu o informe demandado, con data de hoxe requirímolo novamente, lembrando expresamente a esa Administración que tal envío resulta unha obrigación legal (artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo).

A teor do que se explica con claridade no escrito do día 27 de abril resulta evidente que a alcaldesa de Bergondo menospreza e fai caso omiso do que dende a Valedora do Pobo se lle solicita. Neste sentido nada cabe agardar da nosa alcaldesa. Coma con tantas outras cousas e tras 15 anos na alcaldía nada novo nin mellor se pode esperar dela.

Non teña dúbida a veciñanza de Bergondo, o futuro goberno de Bergondo, presidido por Juan Fariña, suprimirá esa vergoña das oficinas municipais con carácter inmediato.