Friday 22 de November de 2024

O Concello emprende o mantemento dun novo tramo da centenaria canle que abastece de auga a Neda


A retirada de terra e vexetación que cobre a condución é fundamental para garantir a subministración

O Concello de Neda iniciou a terceira fase de traballos de limpeza e mantemento do coñecido “Canal de la Marina”, a rede de subministración do Belelle, que nutre de auga ao municipio. A actuación permite
avanzar cara á posta a punto integral da centenaria infraestrutura hidráulica que vai dende a contorna da Fervenza ata a zona de Os Pazos.

Os labores mecánicos desenvolvidos nos últimos días permitiron retirar a vexetación e poñer ao descuberto outros 300 metros da canle, no tramo que vai desde O Roxal ata o antigo muíño- fábrica de papel de Taxonera.

A posibilidade de acceder cunha retroescavadora a este treito facilitou a ardua tarefa de quitar a terra que ocultaba, en boa medida, a condución, e arrincar as raíces de árbores e arbustos que, a pesar de estar tapada, lograban infiltrarse nela. Explica o edil delegado de Servizos, José Sanmartín, que nalgún punto, as raíces chegaron a tupir a canle dificultando o paso da auga. Por iso, subliña que a intervención resulta moi importante para garantir un adecuado subministro á poboación.

A inminente incorporación da cuadrilla de peóns do PEL permitirá executar os traballos pendentes neste tramo, é dicir, a limpeza interior da condución, a substitución de tapas de rexistro en mal estado, e a reparación dos puntos que se atopan danados.

As tarefas desenvolvidas no último trienio permitiron acondicionar case o 80 % da quilométrica canle, patrimonio da Armada desde os primeiros anos do século XX e cedida a comezos do século XXI ao Concello de Neda. Unha vez finalizadas as obras en marcha, restará mellorar os 500 metros que separan o lugar de Taxonera do inicio da canle, a escasos metros da central hidroeléctrica do Belelle.