Podes visitala ata o 14 de maio no andar -1 do Pazo da Cultura
Ademais dos premios acadados por Carmen Riveiro Ferreiro, na categoría tradicional, e Verónica Moar Suárez, na contemporánea, o certame de artesanía Antonio Fraguas permítenos gozar da arte de moitos outros artesáns e artesás na exposición que podemos ver estes días en Carballo. E entre esas obras seleccionadas polo xurado atópase “Lámpada (proporción) áurea”, do carballés Manuel Eirín Nemiña, un motivo engadido para que te achegues ata o Pazo da Cultura.
O artesán carballés, autor tamén da peza escultórica que recrea o plano dos Baños Vellos realizado polo arquitecto Miguel Ferro Caaveiro no ano 1777, tamén utiliza a cerámica na peza seleccionada entre as 82 que se presentaron á última edición do certame convocado pola Deputación da Coruña.
A mostra inclúe un total de 25 pezas, que podes ver ata o 14 de maio na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura, aberto de luns a venres de 17.00 a 21.00 horas.