Saturday 16 de November de 2024

Mato aposta por unha política hidrolóxica “coordinada, eficiente, da máxima calidade e sostible”


A Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio abriu hoxe en Santiago o curso de xestión das infraestruturas municipais de saneamento e depuración, enmarcado no Pacto local da auga

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, apostou hoxe por unha política hidrolóxica “coordinada, eficiente, da máxima calidade e sostible”, tal e como se recolle no Pacto Local da Auga, asinado en 2013, e ao que é preciso “seguir dotando de contido”.

Así o sinalou hoxe durante a apertura en Santiago do curso de xestión das infraestruturas municipais de saneamento e depuración, unha actividade formativa enmarcada precisamente neste Pacto da auga, ratificado hai dous anos pola Consellería de Medio Ambiente, Augas de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A sinatura deste protocolo de coordinación supuxo, segundo Mato, “un punto de partida pioneiro e imprescindible para o traballo coordinado entre administracións”. Entre os obxectivos do plan destacan o traballo a prol dunha homoxeneización nos servizos de abastecemento; a máxima calidade na prestación do servizos; e o cumprimento das directivas europeas. Ao respecto deste último punto, a conselleira recordou que en 2014, por exemplo, acadouse un grao de cumprimento do 92% no que se refire á directiva de augas residuais.

“Hoxe temos que seguir traballando nesta liña”, proseguiu Mato, quen apuntou que a Xunta está a dar “pasos importantes” para apoiar aos concellos á hora de prestar os servizos de saneamento e depuración, ambos de competencia municipal.

Así, actualmente Augas de Galicia controla e dá soporte técnico a 124 instalacións de máis de 2.000 habitantes doutros tantos concellos. Ademais, desde 2009, a Consellería de Medio Ambiente ten posibilitado a posta en marcha de 38 novas depuradoras, ben por execución directa ou a través do cofinanciamento. Estas depuradoras dan servizo a máis de 1,2 millóns de galegos e galegas.

Neste sentido, Mato sinalou que o Goberno galego é consciente de que a explotación e mantemento destas infraestruturas require de persoal especializado. Este é o motivo da convocatoria de cursos e xornadas, como o que ten lugar hoxe en Santiago, e que supón un paso máis no desenvolvemento do Pacto Local da Auga ao estar dirixido a mellorar os coñecementos e competencias dos técnicos municipais..

Ademais da de hoxe, haberá catro xornadas formativas máis: en Lugo o 17 de novembro; na Coruña o 24; en Ourense o 26; e en Pontevedra, o 1 de decembro.