Friday 22 de November de 2024

A Xunta adxudica as axudas a 11 festivais audiovisuais para facilitar a súa organización


— A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades resolve esta liña de subvencións inserida no Plan Xeración Cultura e dotada con 225.000 euros

— As mostras (S8) e Intersección da Coruña, Play-Doc de Tui, Festival de Cans do Porriño, Curtocircuíto e MICE de Santiago, FIC de Bueu, Novos Cinemas de Pontevedra, Carballo Interplay e Galician Freaky Film Festival e Festival de Cine Inclusivo de Vigo repiten como adxudicatarias desta convocatoria anual

— O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, compareceu hoxe diante da Comisión 4ª do Parlamento de Galicia para explicar o contido e evolución destas axudas, así como a colaboración coa rede de festivais agrupados na coordinadora Proxecta

A Xunta de Galicia acaba de publicar a resolución da súa convocatoria anual de subvencións a festivais do sector audiovisual, a través da que distribúe 225.000 euros entre 11 certames galegos de iniciativa tanto pública como privada. Todos eles repiten como adxudicatarios desta liña de apoio anual para contribuír á organización con carácter profesional de mostras que son consideradas estratéxicas para o sector.

Estas axudas figuran, así mesmo, como unha das 57 accións recollidas no Plan Xeración Cultura. En concreto, inscríbense no primeiro dos seus cinco eixes baixo o epígrafe Acceso universal á cultura.

Atendendo ás contías concedidas en 2023, a listaxe de adxudicacións está encabezada pola (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (39.277 euros), seguida do Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui (39.066 euros), Festival de Cans de Curtametraxes, no Porriño (32.697 euros), Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto de Santiago de Compostela (31.381 euros), Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (26.645 euros), Intersección-Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, na Coruña (20.027 euros), Novos Cinemas-Festival Internacional de Cinema de Pontevedra (15.293 euros), Festival Carballo Interplay (11.744 euros), MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, en Santiago (4948 euros), Galician Freaky Film Festival, en Vigo (1979 euros) e Festival de Cine Inclusivo, tamén en Vigo (1942 euros).

Comparecencia parlamentaria
Precisamente hoxe, o director da Axencia Galega das Industrias Culturas, Jacobo Sutil, compareceu diante da Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia para detallar o contido e evolución destas axudas, así como a colaboración coa rede de festivais audiovisuais integrados na coordinadora Proxecta. Neste sentido, explicou que Proxecta, integrada á súa vez na asociación Pantalla de Festivais de España e que acolle case a metade das mostras audiovisuais de Galicia, e a “interlocutora preferente en canto ao deseño dos apoios aos certames deste ámbito”.
“Desde a Xunta recoñecemos o impulso, apoio e promoción do cine producido en Galicia por parte dos festivais, moitos deles asociados a Proxecta, e que vai máis alá da exhibición das obras cinematográficas”, indicou, ao tempo que subliñou que estas mostras funcionan cada vez máis como puntos de encontro para os autores, fomentando a dinamización do sector, o intercambio e o coñecemento, ademais de acoller nalgúns casos o evento de lanzamento das películas para o seu posterior percorrido nacional e internacional.

Iniciativa pública e privada
Sete asociacións culturais, tres entidades locais e unha empresa de produción audiovisual son as promotoras dos 11 encontros subvencionados este ano e xa consolidados dentro do panorama galego e mesmo estatal de festivais audiovisuais, principalmente pola súa especialización en diferentes xéneros e formatos.

Convocadas en réxime de concorrencia competitiva, entre os requisitos exixidos establecíase unha duración mínima de catro xornadas con, cando menos, 20 proxeccións, así como contar con tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Ademais, a proposta de programación debía conter un cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.