O Partido Popular da Laracha preséntase ás eleccións municipais do 28 de maio con José Manuel López Varela como número 1 dunha candidatura renovada, formada por 27 homes e mulleres de perfís persoais e profesionais variados. Xente preparada, implicada co municipio e disposta a aportar traballo, propostas e esforzo para mellorar a vida dos cidadáns.
A candidatura do PP da Laracha ten dous avais fundamentais. O primeiro é o das persoas que forman parte do partido, combinando a experiencia dos máis veteranos coas ideas renovadas dos xóvenes e representando nelas ás trece parroquias do municipio.
O segundo aval é o da xestión eficaz e responsable á fronte do goberno local durante os últimos anos que significou o progreso do Concello a todos os niveis.
O proxecto do Partido Popular para os próximos catro anos é realista e ambicioso, con propostas que xerarán ilusión e confianza na cidadanía e que pretenden continuar transformando A Laracha entre todos. Coñecemos o modelo de futuro que queremos para A Laracha e, o que aínda é máis importante, levamos anos demostrando que sabemos como levalo a cabo con garantía de responsabilidade, transparencia e eficacia.
A presentación pública da candidatura e do programa electoral dos populares da Laracha será o domingo 7 de maio na Casa da Cultura nun acto aberto a toda a cidadanía.