Saturday 16 de November de 2024

A alcaldesa desprazouse á praza da Gándara con motivo da “performance” organizada co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade


A alcaldesa, Marián Ferreiro, e as edís de Benestar Social e Igualdade, Mercedes Taibo e Mar Gómez, respectivamente, desprazáronse este mediodía á Praza da Gándara con motivo da performance que se levou a cabo en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A rexedora local felicitou ás mulleres que participaron neste evento, inscritas no obradoiro “Apodérate”, impulsado dende o Concello.

“A actividade de hoxe remata un programa a través do que se tratou de concienciar sobre a sustentabilidade da auga, a súa importancia no noso día a día e, polo tanto, de coidala como un dos recursos máis prezados”, subliñou Ferreiro. A alcaldesa e as edís naronesas conversaron coas participantes neste evento e sacaron unha fotografía de grupo ao remate da performance, que tamén presenciaron veciñas e veciños que se achegaron á Praza da Gándara.

As mulleres que protagonizaron esta actividade, de entre 30 e 57 anos, tiveron hoxe unha sesión de catro horas na que prepararon esta iniciativa, acompañada por música.