O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal xa conta coa maqueta a escala de Villa Eugenia, unha das tres residencias familiares do célebre literato na súa estadía na localidade. As mans de Manuel Martínez Rodiño están detrás da reprodución desta vivenda na cal o escritor concibiu libros como La rosa de papel, La cabeza del Bautista, Retablo de la avaricia, la lujuria y la muerte, Tirano Banderas ou Luces de bohemia. Acompañado de seu sobriño Rafael Pérez, quen o axuda no proceso creativo, e de súa neta Paloma Fontán, o propio maquetista efectuóulle-la entrega ao alcalde, Xosé Lois Piñeiro; á concelleira da Cultura, Patricia Lojo; e ao director da institución museística, Antonio González.
Con esta doazón complétase a triloxía dos inmobles pobrenses onde residiu o matrimonio formado por Ramón del Valle-Inclán e Josefina Blanco, xunto cos seus fillos e coas súas fillas. Esta nova peza instalarase en vindeiras datas no Auditorio do Museo Valle-Inclán para, proximamente, colocala no interior do propio Museo xunto coas reproducións da torre de Bermúdez e do pazo da Mercé.
Pero as creacións deste veciño de 94 anos non quedan aquí. Comezou a cultivar esta afección dende moi novo e, ao longo de toda a súa vida, os seus dedos tamén modelaron outras edificacións, como a igrexa do Maño e diferentes navíos que foi legando a particulares e outros entes.
A recente cesión supón un incremento dos fondos do Museo, que conta tamén cunha réplica da casa consistorial disposta no primeiro andar do propio concello.
O público pode desfrutar así de xoias arquitectónicas do municipio dende outra perspectiva e apreciar como lucían antano estes elementos patrimoniais.