Saturday 16 de November de 2024

O BNG de Oleiros mantivo un encontro aberto coas comerciantes ao redor do comercio de proximidade e o consumo responsábel


O Comercio de proximidade xa non é unha opción senón unha necesidade

O BNG de Oleiros levará no seu programa electoral un Plan Estratéxico para o Comercio local

O mércores 26 de abril tivo lugar no Centro Cívico de Santa Cruz unha reunión con comerciantes locais. Unha das preocupacións constantes no BNG de Oleiros é o comercio. A súa importancia é fundamental para facilitar servizos á veciñanza, e para favorecer o emprego e a mobilidade responsábel. Para intercambiar opinións e recoller as demandas e propostas organizamos este encontro, de cuxas conclusións damos conta:

Detectamos unha eiva importante no noso concello, que segue unha tendencia totalmente oposta ás medidas que levan anos implantándose durante anos en Concellos gobernados polo BNG, e que tamén se contempla no recentemente aprobado Plan Municipal de Urbanismo Sustentábel (PMUS) do concello de Oleiros: a interacción e dependencia entre o urbanismo, o comercio, o emprego e a mobilidade, co obxectivo de favorecer a proximidade. Todas as medidas que se teñen que tomar xa no eido da mobilidade, urbanismo ou comercio deben ir na mesma dirección: favorecer a peonalización e todas as alternativas ao vehículo particular. Cos problemas de mobilidade que padecemos en Oleiros só é posíbel un crecemento sustentábel dinamizando os principais núcleos de poboación e facéndoos o centro de actividades económicas compatíbeis e complementarias coa función residencial.

Oleiros ten unha poboación censada duns 37.000 habitantes, con máis de 10.000 adicionais que están vencellados e non censados. Porén, son unha minoría as persoas que traballan ou estudan a diario en Oleiros: a maior parte faino fóra (principalmente, na Coruña), o que implica importantes problemas de mobilidade, cun predominio moi preocupante do vehículo privado. Isto tamén provoca e favorece que a maior parte das compras tamén se fagan fóra do noso concello, prexudicando o desenvolvemento do comercio e o emprego local.

Esta situación provocou que non teñamos unha estrutura de emprego e comercio ampla e sólida; non chegan a 700 empresas no sector do comercio ou dos pequenos servizos, e non contamos cunha infraestrutura que favoreza o seu uso (transporte entre os núcleos, estacionamento, zonas de carga e descarga…). Mais, sobre todo, detectamos a inexistencia de políticas de apoio e promoción ao comercio local por parte do Concello, onde non existen medidas activas e individualizas de apoio nin tan sequera unha concellaría ou departamento específico para tal fin.

Urxe corrixir esta tendencia, favorecendo o coñecemento, a promoción e o uso do comercio local e de proximidade, e levar a cabo políticas que o favorezan. Nesta liña na reunión mantida onte, o BNG de Oleiros debateu coas comerciantes locais unha serie de propostas recollidas nun Plan Estratéxico do Comercio de Oleiros (PECO), como a integración nos núcleos de poboación das infraestruturas comerciais; programas formativos para o comercio de proximidade; estudo serio e rigoroso sobre as necesidades de compra básicas e hábitos de consumo da poboación; creación dunha oficina de asesoramento especializada; política de mobilidade e urbanística orientada á rehabilitación de centros urbanos; convenios entre o Concello e as persoas propietarias de baixos desocupados, incentivos fiscais para todo o pequeno e mediano comercial e para o emprendemento; promoción de campañas periódicas de fomento do comercio local; promoción do asociacionismo comercial, remodelación e acondicionamento de rúas comerciais; liña de diálogo coa administración educativa durante o curso académico; diálogo coas entidades de crédito para favorecer a concesión de créditos en condicións favorábeis; acceso a liñas de axudas para a modernización do comercio; crear un sistema de fidelización de clientes en colaboración co Concello; creación dunha marca propia para o comercio de Oleiros; repensar o sistema da ORA durante os meses de verán e que o recadado repercuta no propio comercio.

Este foi un dos eixos centrais da nosa acción nas institucións municipais, e así continuaremos a partires do 28 de maio.