Os concellos de Fene, Mugardos e Neda teñen en marcha o programa compartido de educación “Máis que un teito”, no que se programan distintas accións formativas centradas na mellora das relacións intrafamiliares e a prevención de condutas de risco entre a rapazada, relacionadas coas adiccións ou as novas ameazas virtuais. Neste sentido, o próximo 8 de maio a partir das 18:30h vai ofrecerse un obradoiro sobre a resolución de conflitos para o que xa está aberto o prazo de inscrición, que deberá efectuarse a través dos Servizos Sociais de Fene.
A sesión estará dirixida pola psicóloga e educadora especializada en disciplina positiva Andrea Bechlian. No encontro, centrado na sensibilización, achegaranse aspectos claves para a abordaxe dos conflitos desde a educación emocional e a comunicación non violenta, coa finalidade de previr disputas e enfrontamentos dentro da familia, ademais de crear un clima de entendemento que minimice a posibilidade de desencontros.
Máis en detalle, ao longo da charla explicarase que son os conflitos, de que maneira poden resolverse, como se lles pode axudar ás nenas e nenos a arranxalos por si e que ferramentas existen para conseguilo valéndose da educación emocional, a disciplina positiva e a comunicación non violenta.
O encontro está concibido como un obradoiro participativo aberto a representantes de ANPAs, asociacións e familias, que poderán inscribirse ata o 5 de maio a través do correo servizos.sociais@fene.gal -enviando a ficha dispoñible na web fene.gal-, ou chamando en horario de mañá aos teléfonos 981 342 607-981 492 706 do Centro Municipal de Servizos Sociais, onde tamén amplían información.
A xornada encádrase no programa “Máis que un teito”, subvencionado pola Consellería de Sanidade e promovido pola agrupación de concellos de Fene, Mugardos e Neda.