Friday 22 de November de 2024

O Concello organiza un taller de cinema con teléfonos móbiles dirixido a persoas de máis de 55 anos


· Está enmarcado dentro do programa municipal de ‘Envellecemento Activo’ e as clases impartiranas profesionais do ámbito audiovisual.

· O prazo para anotarse finaliza o 10 de maio.

O Concello de Bergondo organiza, dentro do seu programa de ‘Envellecemento Activo’, un taller de cinema con teléfonos móbiles dirixido a persoas maiores de 55 anos que terá lugar durante os meses de maio e xuño.

A actividade estará impartida por profesionais do ámbito audiovisual e as persoas participantes realizarán unha curtametraxe colaborativa, ademais de aprender a sacarlle partido ao teléfono para realizar gravacións domésticas. A estrea da curtametraxe está previsto para o 16 de xuño ás 16:30 horas.

A organización proporcionará aos asistentes o material necesario e para sumarse non é necesario ter ningún tipo de coñecemento previo sobre este ámbito. O prazo para inscribirse finaliza o 10 de maio e pode facerse no teléfono 981 791 252 ext.4 ou por correo electrónico a serezabel.rodriguez@bergondo.gal.

As clases levarán a cabo de 10 a 13 horas na Senra os días 16, 23, 25, 26 e 30 de maio e 1, 2, 6, 8, 9, 10, 13 e 15 de xuño.