O BNG de Oleiros propón que se modifique o dato errado que fai referencia á estrada autonómica AC-173 e que afecta ao estudo da zona do Couto
No Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel aprobado por Decreto da Alcaldía o setembro pasado destácase o dominio abafante da utilización do vehículo particular sen compartir fronte a calquera outra opción, cunha previsión de forte incremento nos vindeiros anos. No PMUS fixase unha serie de medidas a tomar polo Concello a curto prazo nun período de até 2 anos dende a súa aprobación. Cómpre destacar que o Concello de Oleiros non conta con Concellaría de Mobilidade.
Un dos obxectivo básicos a tomar polo Concello segundo o propio PMUS, debería ser a promoción dos desprazamentos peonís, en bicicleta ou en transporte colectivo, incrementando a seguranza viaria dos peóns xunto coa mellora da accesibilidade.
Transcorridos 7 meses dende que o PMUS foi aprobado por decreto de Alcaldía, preguntamos ao Concello os pasos que está a dar dentro do período inicial de medidas que se estende até os dous anos.
Dentro deste obxectivo de progresiva peonalización e incremento da seguranza viaria, cómpre destacar que na páxina 20 do PMUS, na táboa 3 na que se mencionan todas as estradas autonómicas no Concello de Oleiros, consta como velocidade máxima a de 50 quilómetros hora na estrada AC 173 Porto de Santa Cruz- Mera, esta estrada de competencia e responsabilidade autonómica, é unha das de máis sinistralidade de Oleiros. Este dato da velocidade máxima na estrada fai referencia á totalidade da estrada, incluído o treito do Couto, onde só existen dous pasos de peóns a 2 quilómetros de distancia o un do outro.
Cómpre lembrar que a velocidade máxima nesa estrada non é de 50 senón de 70 quilómetros hora, polo cal entendemos que a análise feita no PMUS sobre esta zona da Couto parte dun dato errado, e conseguintemente a partir deste dato calquera tipo de análise tamén estaría errada.
Solicitamos no pleno ao Concello de Oleiros que encomende á empresa encargada da elaboración do PMUS que estude novamente esta estrada AC-173 conforme a datos fidedignos e que se escoiten as opinións das veciñas da zona, tal e como se fai no resto do Plano, todo elo con independencia da competencia da propia estrada.