No marco do proxecto AYCH o pasado fin de semana reuníronse 30 xóvenes co obxectivo de crear propostas creativas e innovadoras para “reinventar a cidade do futuro”.
A Cámara de Comercio organizou este fin de semana o evento Local Creative Jam Hackathon, que tivo lugar na súa sede do Poligono de Costa Vella. Durante os días 22 e 23 de abril, 30 xóvenes de toda Galicia participaron no evento organizado pola Cámara de Comercio de Santiago co obxectivo de traballar na creación de propostas enfocadas no lema “Cara o 2030: Reinventa a cidade do futuro”, onde tiveron a oportunidade de empregar o deseño, o pensamento creativo e a tecnoloxía para crear prototipos para os espazos urbanos do futuro.
Durante a xornada do sábado tivo lugar o acto de benvida ao grupo cun entretido xogo co obxetivo de romper o xeo entre os diferentes participantes. Este día tamén se impartiron os talleres: “Creación de modelos 3D”, “Introdución á intelixencia artificial”, “Podcasts para todos” e “Mozilla Hubs: ferramentas RV”. A maiores formáronse diferentes grupos de traballo nos que cada participante aplicou as súas ideas e prototipos para finalmente presentar os seus proxectos ante o xurado que elixiría ao equipo gañador.
Finalmente o domingo foi o día no que os equipos remataron os seus prototipos para facer a presentación final ante o xurado e o resto de participantes. Das diferentes propostas saíron seleccionadas as dos equipos “In Club: lecer nocturno inclusivo” e “Regglax: contorna illamento estrés diario” para participar como representantes compostelás no encontro internacional de Nantes que terá lugar a finais do mes de maio.
Durante o encontro participou Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural, Políticas de Igualdade e Centros Socioculturais, en representación do goberno municipal, e Rosa Mary Cardeso Trillo como secretaria xeral da Cámara de Comercio.
Este evento forma parte do proxecto europeo AYCH (Atlantic Youth Creative Hubs), cuxo obxectivo é o de potenciar o emprendemento creativo entre a mocidade menor de 30 anos residentes nos países da área atlántica: España, Portugal, Francia e o Reino Unido. Ademais, AYCH ten un impacto positivo na economía e no emprego rexional, ao fomentar o intercambio de ideas e a cooperación entre xóvenes internacionais.