O prazo de solicitude por parte dos cidadáns será do 10 ao 19 de maio.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases do programa Eu merco na Laracha que impulsa o Concello co propósito de dinamizar e reactivar a economía do pequeno comercio, a hostalería e o sector servizos do termo municipal.
A iniciativa consiste nunha campaña de bonos que se porán a disposición da cidadanía larachesa para empregar nos establecementos adheridos ao programa, subvencionando as compras desde o Concello para fortalecer os negocios locais e fomentar o consumo de proximidade nos sectores comerciais, hostaleiro, cultural, educativo, salóns de peiteado e beleza, taxis, etc.
Trala publicación de hoxe no BOP, desde mañá e ata o 19 de maio estará aberto o prazo para que se adhiran ao programa os establecementos e negocios que así o desexen. Poderán facelo a través da páxina web www.eumerconalaracha.alaracha.gal ou presencialmente acudindo ao edificio administrativo da Laracha.
Pola súa parte, as solicitudes dos bonos por parte da veciñanza deberá facerse entre os días 10 e 19 de maio. Poderá facelo calquera persoa empadroada no termo municipal da Laracha que sexa maior de 18 anos de idade.
O formato de presentación será unha chequeira por un valor de trinta euros que conterá tres bonos de dez euros. Cada un deles será independente e poderá empregarse para descontar por cada gasto de vinte euros nas compras, consumos ou servizos nos establecementos ou actividades adheridos (por vinte euros de gasto descontaríase un bono, por corenta euros, dous, e por sesenta euros, tres).
O Concello destinará a esta iniciativa 40.000 euros procedentes integramente de fondos municipais -xa consignados nos orzamentos municipais deste ano- para repartir un total de 1.333 chequeiras. No caso de que se rexistren máis solicitudes que bonos dispoñibles, para adxudicalos faríase un sorteo mediante un sistema electrónico de elección automática e aleatoria.