A proxección comezará ás 13:00h con entrada libre
Quen asista como público tamén será partícipe da montaxe final do capítulo, que se emitirá na TVG despois do verán
“Desertores do Asfalto” é unha serie de Nós Produtora Cinematográfica Galega para a TVG que adapta ese formato televisivo tan exitoso nos últimos tempos consistente en facer un pequeno audiovisual arredor da vida de varias persoas que logo se proxecta en público gravando as súas reaccións, co obxectivo de incorporalas á montaxe final de emisión. A produtora estivo en Moeche hai varias semanas preparando a segunda temporada da serie -conducida pola actriz e xornalista Rocío Barrio- e regresará este sábado para mostrar a peza elaborada e filmar a resposta do público. Será na Nave do Mercado a partir das 13:00h con entrada libre. O capítulo rodado no noso concello ten como protagonistas a Elsa María Aneiros, do salón de peiteado situado en San Ramón; á familia Pena-Carrodeguas, da gandaría ecolóxica Lavandeira (Labacengos); e á Asociación Cultural Irmandiños de Moeche, organizadora do festival de finais de agosto.
Tal e como sinala a produtora, “Desertores do Asfalto” é un programa que en cada episodio reflicte “a dignificación e o orgullo de pertenza ao rural” valéndose das historias de persoas que decidiron ficar no seu lugar de orixe e de outras que deixaron atrás a cidade e o ruído “por crear un proxecto de vida no rural galego”.
Ademais, segundo se describe na sinopse argumental, o espazo “pon en valor o patrimonio das parroquias e analiza a necesidade de investir e apostar polo medio”. A novidade do formato encóntrase, asegura Nós Produtora, en que “o espectador está a ver o programa ao tempo que as protagonistas de cada capítulo, a quen despois a presentadora do programa, a xornalista e actriz Rocío Barrio, lles fai unha pequena entrevista sobre que lles pareceu a montaxe e mira as percepcións de cada quen”.
O episodio filmado en Moeche mostraranos as vidas e historias de Elsa Aneiros -propietaria do salón de peiteado que leva o seu nome- e a da familia gandeira encabezada por Pilar Carrodeguas e Luis Pena, que producen leite ecolóxico en Lavandeira, Labacengos. No programa tamén participa a AC Irmandiños de Moeche, falando do traballo que desenvolven tanto este o como o resto de colectivos do municipio.
O audiovisual elaborado trala primeira gravación poderase ver en primicia este sábado 29 de abril ás 13:00h na Nave do Mercado de Moeche con entrada libre. Quen acuda á proxección poderá descubrir o territorio dun xeito distinto, ademais de ser partícipe como público do programa final que se emitirá na Televisión de Galicia despois do verán.