Friday 22 de November de 2024

O Concello preséntalles ás asociacións de hostalaría o estudo técnico sobre a taxa turística


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, mantiveron esta mañá un encontro cos representantes da Unión Hotelera Compostela, Hostalaria.gal e a Asociación de Hostelaría Compostela para presentarlles o “Informe sobre a creación dunha taxa turística para un turismo máis sostible en Santiago de Compostela”, elaborado polo catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC César García Novoa, que tamén estivo presente na reunión.

Tras o encontro, o alcalde valorou positivamente esta “primeira reunión de traballo” xa que “en xeral, maioritariamente se entende que é necesario e positivo que o turismo contribúa vía impositiva ao mantemento da cidade” e hai consenso en contar “cun procedemento o máis seguro e simplificado posible desde o punto de vista da súa tramitación e o máis equilibrado posible en canto á distribución da contía entre os diferentes tipos de establecementos”.

O rexedor detallou as posibles finalidades ás que se podería destinar a recadación deste imposto, como á “rehabilitación e conservación da cidade histórica, no sentido máis amplo posible, que incluiría o mantemento da poboación que vive nela e o pequeno comercio tradicional”; a cubrir “o sobrecuste que o impacto turístico pode ocasionar en determinados servizos, unha vez sexa medido e cuantificado”; así como á “organización de actividades e eventos lúdicos e culturais que contribúan á desestacionalización do turismo e ao incremento da estadía media por turista e para o desfrute dos composteláns. Sánchez Bugallo recalcou que estes fondos, en todo caso, “non servirían para financiar o funcionamento ordinario da administración nin dos servizos públicos”:

O rexedor salientou que os datos existentes corroboran “que a aplicación da taxa turística, mesmo a niveles máis elevados dos que se barallan para Santiago, non amosan en ningún caso que tivesen efectos negativos para a captación do turismo”, e fixo fincapé no seu probable impacto positivo en tres ámbitos: a propia concienciación do turista das necesidades do lugar que visita; a preservación do patrimonio, así como que a propia cidadanía poida percibir o turismo como un sector que achega un beneficio para todas a sociedade.

César García Novoa, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC e autor do informe, detallou que o proxecto técnico partiu da idea de crear “un modelo de imposto aliñado coas tendencias que exisen noutras Comunidades Autónomas do Estado e noutras ciudades de Europa”. Segundo explicou, trátase dun imposto autonómico de esixencia voluntaria para os concellos, de cuxa recadación poderán dispor para “sufragar os sobrecustos dos servizos turísticos que estimen oportunos”. O informe establece un modelo “sinxelo de aplicar” en colaboración cos establecementos de aloxamento hostaleiro e turístico, que “o turista liquidaría no momento de facer o check-out”.

A contía da taxa que se propón no estudo oscila “entre os 0,50 e os 2,50 euros en función da categoría do establecemento, incluíndo os pisos turísticos”, o que supón un prezo “moderado para evitar o impacto na demanda como xa corroboran os datos que existen”. A estimación de recadación anual na cidade sería entre 2,5 e 3 millóns de euros, “na media doutras comunidades autónomas”.

O estudo tamén presenta varias propostas ao respecto da aplicación da taxa turística en diferentes períodos, xa sexa ao longo de todo o ano ou de xeito estacional coincidindo co maior impacto turístico, unha decisión que tería que ser tomada por cada un dos concellos que apliquen este tipo de tributo.

O alcalde detallou que a proposta será presentada ao resto dos grupos na Xunta de Voceiros e no Consello de Administración de INCOLSA, e despois “volveremos reunirnos coas asociación do sector”. “Unha vez que teñamos recabadas todas estas opinións, remitiráselle á Xunta de Galicia o informe técnico acompañado das observación que consideramos que habería que incorporar”. Unha vez que a Xunta de Galicia defina o marco legal, o Concello deberá elaborar unha ordenanza fiscal coa súa correspondente memoria económica na que se determinarán as finalidades ás que se pode destinar a recadación desta taxa turística, que, en todo caso, “non sería probablemente aplicada antes do 2025”.