Friday 22 de November de 2024

A competición internacional Youth League de karate recala esta fin de semana na Coruña na súa primeira celebración en España


Haberá 72 países participantes, 2.650 deportistas, 550 adestradores, 323 clubs, 70 árbitros e árbitras e 70 persoas de staff

A competición desenvolverase no Palacio de Deportes de Riazor entre este xoves 27 e o domingo 30

A Coruña acollerá esta semana unha proba da Youth League de karate, a competición máis importante do mundo en categorías inferiores desta disciplina deportiva. Será a primeira vez que se celebre esta competición en España e situará á Coruña no epicentro do karate mundial. Os detalles da proba foron explicados pola alcaldesa, Inés Rey, que estivo acompañada por Antonio Moreno Marqueño, presidente da Federación Española de Karate, e José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

A competición desenvolverase no Palacio dos Deportes de Riazor entre o xoves 27 e o domingo 30 de abril. Está confirmada a presenza de 72 países participantes, 2.727 deportistas, 550 adestradores, 323 clubs, 70 árbitros e árbitras e 70 persoas de staff. A cifra de persoas directamente relacionadas coa competición superará as 3.300. “O feito de celebrar na Coruña esta Youth League fala moi ben da capacidade da nosa cidade para acoller grandes eventos e celebracións deportivas, xa que contamos con todo o necesario para que deportistas de diferentes disciplinas e niveis desenvolvan a súa actividade profesional”, apuntou Inés Rey.

A celebración desta proba da Youth League permitirá, ademais, amosar o nivel dos deportistas e das deportistas galegas. Na competición participarán un total de 30, dos cales cinco formarán parte da selección nacional. A proba é clasificatoria para os Xogos Olímpicos da Xuventude do 2024, que se celebrarán en Gangwon (Corea do Sur).

Ademais, haberá actividades paralelas para achegar á cidadanía o mundo do kárate, como un campus de adestramento dirixido por importantes referentes mundiais deste deporte.

Participarán Iván Leal Reglero (2 veces Campión do Mundo de Kumite), Luca Valdesi (3 veces Campión do Mundo de Kata), Damián Hugo Quintero Capdevila (Campión do Mundo e Subcampión Olímpico de Kata) e Douglas Brose (tres veces Campión do Mundo de Kumite).