A Pobra do Caramiñal prosegue achegándolle á comunidade educativa coñecementos sobre o mundo marisqueiro en formato de obradoiros. Neste 26 de abril, contou coa participación dun grupo de 50 escolares do 4.° da primaria do CEIP O Grupo de Ribeira.
Tralo seu paso polo Auditorio do Museo Valle-Inclán para recibiren unha explicación da actividade por parte de persoal do Turismo do Concello, chegou o momento de levar á práctica esas nocións básicas. As propias mariscadoras ofreceron na praia dos Areos unha charla didáctica para incrementa-los coñecementos adquiridos previamente coa proxección dun vídeo que repasa todo o proceso polo cal pasan os bivalvos ata que chegan aos pratos das e dos comensais. Deste xeito, a rapazada aprendeu sobre a riqueza do noso litoral, os diferentes recursos marisqueiros e o proceso de extracción destes.
Recibiron, ademais, unha publicación que aglutina receitas de establecementos hostaleiros da localidade co produto do mar como base.
Diferentes cursos deste colexio xa puideron desfrutar da experiencia en semanas previas e o seu paso por estes talleres finalizará a comezos do mes de xuño.
A concelleira do Turismo, Charo Varela, manifesta que se continúa así con estas visitas-experiencia dirixidas a centros educativos de toda Galicia para lles achega-la tradición mariñeira ás xeracións máis novas ao tempo que se contribúe á desestacionalización da demanda turística.