O Concello de Neda colabora nesta iniciativa de formación, dirixida a fomentar a inserción laboral de mulleres desempregadas
Un total de seis veciñas de Neda participan no programa integrado de emprego, que promove a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. A iniciativa, que arrincaba no mes de marzo, busca favorecer a inserción laboral de mulleres desempregadas de oito municipios de Ferrolterra, mediante accións de formación e capacitación en distintos ámbitos laborais.
Ao abeiro do programa, financiado pola administración autonómica e máis polo Servicio Público de Empleo Estatal, as participantes tiveron xa ocasión de realizar obradoiros de busca de emprego e de mellora das habilidades sociais. E esta mesma semana arrincaba no Centro de Formación Irmás Froilaz, no municipio de Narón, as clases de alfabetización dixital.
Ademais desta formación transversal, e de accións individuais de orientación laboral, as beneficiarias participan en accións formativas cualificantes (agricultura ecolóxica, peixaría, cociña, limpeza industrial, comercio, reparación de móbiles e community manager), que elixirán en función da súa preferencia. Terán prácticas en empresas da zona e, grazas ás tarefas de prospección laboral do equipo técnico, poderán acceder a ofertas laborais que encaixen co seu perfil.
Xunto ás seis veciñas de Neda participan na iniciativa laboral ata finais de setembro outras 94 mulleres procedentes de Cedeira, Valdoviño, Narón, Fene, Cabanas, Ares ou Mugardos, entre as que figuran, menores de 30 anos con baixa cualificación, mulleres en risco de exclusión social, mulleres con certificado de discapacidade, ou vítimas de violencia de xénero. Todas elas teñen dereito a unha bolsa de sete euros por cada xornada de asistencia ás accións do programa, que aspira a O conseguir a inserción no mercado de traballo de cando menos o 35 % das alumnas.