Conxo acollerá os vindeiros 12, 13 e 14 de maio unha nova edición da Festa do Banquete cunha amplo programa de actividades entre o que se atopa o Mercado de Artesanía, que se desenvolverá o sábado 13 e o domingo 14 na praza Aurelio Aguirre. Baixo a organización do Departamento de Comercio do Concello, este espazo acollerá expositores dos sectores do libro e da artesanía, que poderán presentar a súa solicitude ata o día 28 de abril. Tamén estará aberto ata o 8 de maio o prazo para a solicitude de ocupación da vía pública para as carpas de polbo.
As persoas interesadas en expoñer os seus produtos no 4º Mercado do Libro e da Artesanía poderán presentar a súa solicitude a través do trámite “Autorización da ocupación da vía pública para actividades varias” na sede electrónica do Concello de Santiago ata o 28 de abril. Tamén poderán propoñer actividades complementarias como recitais, breves presentacións literarias ou artísticas e similares. No caso de superarse o número de postos dispoñibles, a organización seleccionará os participantes por estrito orde de rexistro das súas solicitudes.
Para solicitar información complementaria, os potenciais expositores poden consultar as bases que se achegan a esta nova ou dirixirse aos correos electrónicos comercio@santiagodecompostela.gal.
O mercado contará este ano tamén cunha mostra de oficios tradicionais, coa exhibición en vivo do traballo de artesáns de diferentes oficios tradicionais tales como a forxa, orfebrería, coiro ou cerámica, entre outros.
As persoas interesadas na instalación de postos de polbeira con carpa, tamén deberán tramitar a súa correspondente autorización de ocupación da vía pública na zona asignada a tal efecto no recinto do Bosque do Banquete, a través da sede elecetrónica. O prazo de solicitude rematará o vindeiro 8 e maio.
Cuarta edición
A cuarta edición da Festa do Banquete de Conxo, en cuxa organización están a traballar varios departamentos do Concello de Santiago en colaboración coa veciñanza, contará este ano coa participación do barrio de Sar e a parroquia de Villestro. Tamén haberá outras novidades como un novo espazo no mercado dedicado ao asesoramento e aluguer de complementos propios da vestimenta acaída do século XIX para estudantes, artesáns, obreiros, fidalgos, crego…
O día grande será o domingo 14 de maio co desfile teatralizado do Banquete que percorrerá as rúas de Compostela, baixo a coordinación artística de Os Quinquilláns. Pola tarde celebrarase “O serán da Fraternidade”, cun xantar colectivo na carballeira de Conxo seguido por unha foliada que estará amenizada por música e bailes tradicionais.
Poesía e música
Por segundo ano consecutivo, lanzarase a convocatoria do II Certame de Brindes “Banquete de Conxo” dirixido ao alumnado de primaria, secundaria e bacharelato da cidade e organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago. Ao igual que na edición anterior, os gañadores do certame serán convidados a participar nos brindes do domingo 14 na Carballeira de Conxo.
Este ano, tamén a Escola Municipal de Música únese á Festa do Banquete celebrando a súa II Andaina musical na mañá do sábado 13 de Maio. Esta iniciativa propón á cidadanía unha ruta de 3,4 km, que conxuga actuacións musicais, e contacto co medio ambiente e o patrimonio natural que serva ao mesmo tempo para achegar á cidadanía o traballo realizado na Escola durante o curso.
Tren do Banquete de Conxo
Ademais, un ano máis, veciños e visitantes poderán desfrutar dun percorrido especial e gratuíto do tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete de Conxo.
Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda e chegarán ata o barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época.
Como Participar?
Se queres participar activamente, podes sumarte como actor ou actriz ás distintas accións teatrais ou mesmo colaborar na propia organización e preparación da Festa do Banquete. Para calquera desas opcións podes poñerte en contacto co Centro Sociocultural de Conxo, no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.
Tamén podes colaborar como persoa voluntaria na Festa do Banquete, escribindo un correo a voluntariadobanqueteconxo@gmail.com.
O domingo 14 de maio terá lugar o Serán da Fraternidade aberto á música e ao baile tradicional, no que podes unirte co teu grupo de música ou baile. Ademais, podes vir vestido de época á Festa do Banquete. A organización conta co asesoramento e apoio da Asociación do Traxe Galego e tamén organiza obradoiros de deseño e vestiario para confección vestimentas propias do século XIX (estudante, artesán/ana, obreiro/-a, fidalgo/a, crego…).