Friday 22 de November de 2024

O Concello conmemorará o Día Internacional da Danza este sábado con actividades na Praza de Galicia e na Biblioteca municipal


A Praza de Galicia acollerá este sábado ás 12.00 a estrea dun espectáculo de danza en formato curto pensado para espazos non convencionais urbanos e dirixido pola intérprete e coreógrafa Cristina Montero, que estará acompañada polo violinista e director de orquestra Pedro Montilla. O Concello de Narón organiza a través do Padroado da Cultura esta proposta con motivo do Día Internacional da Danza, tal e como indicou a edil responsable da área, Olga Ameneiro.

A proposta inclúe ademais, tal e como explicou Montero, unha actuación de alumnado da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón, nas que imparte unha asignatura de danza, e dos participantes nun obradoiro de creación colectiva que se ofreceu aos grupos de teatro xuvenil do Padroado da Cultura e cos que Montero realizou unha creación.

A maiores, tamén o sábado, tal e como explicou a concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, levarase a cabo o obradoiro “O corpo en movemento”. A edil explicou que terá lugar a partir das 11.00 horas na Biblioteca municipal e que o prazo de inscrición se abrirá esta tarde ás 16.00 horas. Para poder participar é preciso que os menores teñan cumpridos cinco anos e o carné da Rede de Bibliotecas sen sancións pendentes. As persoas interesadas poden anotarse de xeito presencial na Biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173 no horario de apertura das instalacións.

A través desta proposta, indicou, “promoveremos o amor pola danza, destacando a importancia desta disciplina artística como forma de expresión universal”, apuntou. As nenas e nenos que participen poderán coñecer diferentes modalidades de baile –clásico, tradicional e moderno- e elaborarán unha pequena coreografía entre todas e todos para potenciar a súa creatividade e o traballo en equipo. Para iso verán como se moven e movían algunhas das figuras máis destacadas da danza.