Saturday 16 de November de 2024

A Carreira Alternativa, baixo o lema ‘Pola inclusión e a igualdade’, terá lugar o domingo na cidade, con actividades para todos os públicos


A proba, pioneira das carreiras na Coruña, partirá de María Pita e percorrerá o paseo marítimo

A Coruña acollerá este domingo, 30 de abril, a edición número 28 da Carreira Alternativa, unha proba inclusiva e solidaria organizada pola Asociación Galega de Xestión Deportiva e Be One, e que conta coa colaboración do Concello da Coruña.

Esta mañá informaron sopbre os detalles da carreira a alcaldesa, Inés Rey, e o promotor da proba, Eduardo Blanco.

Nesta edición o lema será ‘Pola inclusión e a igualdade’ e desde a organización inciden en que non se trata dunha competición, senón dun evento lúdico que se pode facer correndo,andando, en patíns, en bicicleta ou en cadeira de rodas. A carreira partirá de María Pita e un vehículo marcará o ritmo máximo na cabeza. As persoas participantes atravesarán a Mariña, rúa Nova e rúa Alta e percorrerán o paseo marítimo en dirección á Torre de Hércules, volvendo a María Pita polo Parrote. O circuíto transcorrerá pola estrada, agás no tramo en obras do paseo, á altura dos Pelamios.

“Esta carreira ten un forte compoñente reivindicativo e nesta edición o seu lema fala de valores que poñemos en práctica a diario na Coruña e que fan desta unha cidade aberta a todas as persoas”, sinalou Inés Rey. Nesta proba non é necesario inscribirse e non haberá dorsais, reforzando o seu carácter lúdico. Ademais, na praza de María Pita haberá diferentes actividades e xogos para todos os públicos. Distribuiranse camisetas e bebidas e, nas estacións de xogos, boletos para participar no sorteo final.

A carreira comezará ás 11.00 horas e está prevista a participación de máis de 800 persoas. Na saída estará presente o ex xogador de baloncesto, Fernando Romay, que apadriña a proba.