Friday 22 de November de 2024

A Coruña afianza a recuperación do turismo con cifras de viaxeiros nacionais e internacionais superiores ás dos anos previos á pandemia


Os datos de número de visitantes e pernoitas publicados polo Instituto Nacional de Estatística correspondentes ao mes de marzo son os máis altos dende 2019

O sector turístico da cidade reforza a súa posición e mellora as estatísticas de antes da pandemia

Durante o pasado mes de marzo visitaron A Coruña un total de 29.769 viaxeiros de procedencia nacional, aloxándose en hoteis da cidade, e 5.171 viaxeiros de procedencia internacional. Os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) relativos ao pasado mes de marzo son os máis elevados dos últimos cinco anos, afianzando a recuperación dos niveis de ocupación de antes da pandemia.

O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña móstrase optimista con respecto á evolución do sector turístico da cidade; os datos reflicten a mellora dos índices de ocupación e permiten ver o reforzo do sector hostaleiro. A Xunta Directiva de Hospeco (Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña) celebrou unha reunión esta mañá para analizar os últimos datos do INE, a actividade en Semana Santa e para establecer liñas promocionais para os próximos meses. Na reunión técnica estiveron presentes o presidente de Hospeco, Agustín Collazos, e o xerente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Moisés Jorge Naranjo, entre outros membros.

A comparativa dos datos de viaxeiros e pernoitas correspondentes a marzo permite ver o incremento de visitantes (con aloxamento). En marzo deste ano un total de 29.769 persoas de procedencia nacional viaxaron e aloxáronse na Coruña, cifra superior aos 25.216 de 2019. O dato deste mes de marzo supón tamén un notable incremento respecto a 2022, con 26.742 visitantes/pernoitas. Nos anos de pandemia esta cifra descendera ata 9.799 en 2021 e a 8.885 en 2020.

Máis datos
En canto aos viaxeiros procedentes doutros países, este mes de marzo rexistráronse 5.171 viaxeiros estranxeiros (con aloxamento), fronte aos 4.105 de marzo de 2022 e os 5.122 de 2019.
Respecto á porcentaxe de ocupación no mes de marzo, A Coruña, cun 52,85% supera a Santiago, cun 47,06%, a Vigo, cun 44,12% e a Sanxenxo, cun 43,06%.
En número total de visitantes, durante o primeiro trimestre de 2023 case 90.000 persoas visitaron A Coruña, unha cifra que tamén é superior á de 2019, ano no que se rexistraron 87.959 visitantes. No primeiro trimestre de 2023 as pernoitas en hoteis da cidade ascenderon a 130.000.
Accións
A recente posta en marcha dos novos voos internacionais con Xenebra e Milán supuxo un impulso á actividade a través do Aeroporto de Alvedro e supón un reforzo para a actividade turística dos próximos meses e tempada estival. Por outra banda, o Observatorio Turístico da Coruña, ferramenta na que traballa a Universidade da Coruña, permitirá analizar a evolución dos datos turísticos da cidade para establecer liñas de mellora e reforzo.