Con esta iniciativa preténdese aumentar a presenza das mulleres nos órganos reitores e núcleos directivos do tecido cooperativista galego
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na xornada ‘Atrévete contigo mesma’, desenvolvida conxuntamente pola Obra Social La Caixa, Agraria Comarcal de Ordes e a Asociación de Galega de Cooperativas Agroalimentarias.
Con este encontro, o terceiro tras os de Carballo e Lugo, preténdese incidir e traballar na importancia de que as mulleres acaden postos de decisión nos consellos directivos e reitores. Ao longo desta xornada a todas as mulleres que acudiron á convocatoria, e que encheron a aula que AGACA ten na vila de Ordes, deixáronselles ben claros os camiños e metodoloxías a seguir para acadar tal obxectivo. Ademais tamén se abordaron outros puntos relacionados co papel das mulleres nas cooperativas agroalimentarias, ou nocións de coaching aplicables para todas elas.
Cabe salientar que actualmente os consellos reitores das cooperativas agroalimentarias están constituídos nun 88% por homes, ocupando as mulleres tan só o 12% restante. Un dato máis que significativo, sobre todo se se ten en conta que case o 50% das persoas socias deste tipo de cooperativas son mulleres. Ademais tan só o 3% das persoas que ostentan postos presidenciais son mulleres. Entre os obxectivos e importancia que atinxe á participación activa das mulleres neste tipo de organizacións están a mellora da competitividade empresarial, o relevo xeracional, a optimización dos talentos, así como o incremento da diversidade neste ámbito en todos os niveis.
Ademais da secretaria xeral de Igualdade tamén estiveron presentes o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; o presidente de AGACA, José Severino Montes; a responsable de negocio agrario CaixaBank, Laura Lema; o presidente de Agraria Comarcal de Ordes, Eduardo Liñares e as técnicas de AGACA Ruth Rodríguez e Loli Couso.