Friday 22 de November de 2024

Román Rodríguez sinala aos docentes e aos profesionais de atención á diversidade como o piar do modelo de ensino inclusivo de Galicia


— O conselleiro entrega os Premios Boas Prácticas de Educación Inclusiva a centros de toda a Comunidade, correspondentes ás tres últimas edicións

— Aposta pola colaboración para construír unha escola plenamente inclusiva “na que cada alumno vexa fortalecidos os seus talentos e as súas capacidades”

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, entregou hoxe os Premios Boas Prácticas de Educación Inclusiva a centros de toda Galicia polo traballo desenvolvido en prol da atención á diversidade e da inclusión educativa. Un recoñecemento que ten por obxectivo promover unha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa a creación de contornas e culturas inclusivas.
Na súa intervención, o titular o departamento educativo da Xunta salientou a calidade das iniciativas premiadas, “apostas polo teatro como estratexia inclusiva, obradoiros para o reforzo competencial dos profesionais educativos ou creación de glosarios con linguaxe de signos para facilitar a integración académica, proxectos impresionantes e beneficiosos non só para o alumnado, senón tamén para os propios docentes”, explicou.
Neste sentido, puxo en valor o sistema de atención á diversidade do ensino galego que, cun 94% do alumnado con necesidades específicas de atención educativa integrado en centros ordinarios, é o máis inclusivo de todo o Estado, tal e como reflicten os últimos datos publicados polo Ministerio de Educación a semana pasada.
“O piar deste modelo de inclusión educativa son os docentes e os arredor de 4.000 profesionais de atención á diversidade, a vosa implicación é o factor básico para o desenvolvemento das capacidades do alumnado con necesidades especiais, polo que é necesario agradecervos o voso traballo”, destacou o conselleiro, que puxo tamén de relevancia o papel colaborador no ensino das entidades comprometidas coa atención á diversidade.
“Para a educación do presente e para a educación do futuro, é fundamental a cooperación de cara a sustentar unha folla de ruta común que permita construír unha escola plenamente inclusiva, na que cada alumno vexa fortalecidos os seus talentos e as súas capacidades coas ferramentas apropiadas”, rematou.

Centros galardoados
A convocatoria establece dúas categorías. Na primeira delas, a A, recoñécese o traballo de centros de Educación Infantil e Educación Primaria; mentres que na segunda, a B, se valora o labor dos de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial.
En cada unha delas hai catro galardóns. Así, os centros que obtiveron o primeiro premio reciben 5.000 €, os recoñecidos co segundo 2.500 € e os do terceiro 1.000 €, mentres que os do accésit reciben 500 €. Ademais, os centros galardoados co primeiro premio de cada unha das categorías obteñen o distintivo de Centro Educativo Inclusivo.
A listaxe de centros que recolleron hoxe os premios, correspondentes ás tres últimas edicións, é a recollida na seguinte táboa:

Premios 2020
 

Categoría A

1º premio e distintivo de Centro Educativo Inclusivo CEIP Plurilingüe Nº 1 (Tui, Pontevedra)
2º premio CEIP Valle-Inclán (Vigo, Pontevedra)
3º premio CEIP Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela, A Coruña)
Accésit CEE de Panxón (Nigrán, Pontevedra)
 

Categoría B

1º premio e distintivo de Centro Educativo Inclusivo IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Sarria, Lugo)
2º premio IES Valadares (Vigo, Pontevedra)
3º premio CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela, A Coruña)
Accésit CIFP Paseo das Pontes (A Coruña, A Coruña)
Premios 2021
 

Categoría A

1º premio e distintivo de Centro Educativo Inclusivo CEIP Plurilingüe A Laxe (Ferrol, A Coruña)
2º premio CEIP de Quiroga (Quiroga, Lugo)
3º premio CEIP Plurilingüe Nosa Señora dos Remedios (Ponteareas, Pontevedra)
Accésit CEIP Plurilingüe da Torre-Cela (Bueu, Pontevedra)
 

Categoría B

1º premio e distintivo de Centro Educativo Inclusivo IES de Melide (Melide, A Coruña)
2º premio IES A Pinguela (Monforte de Lemos, Lugo)
3º premio IES de Pastoriza (Arteixo, A Coruña)
Accésit IES Fernando Blanco (Cee, A Coruña)
Premios 2022
 

Categoría A

1º premio e distintivo de Centro Educativo Inclusivo CEIP do Foxo (A Estrada, Pontevedra)
2º premio CEIP Plurilingüe Domaio (Moaña, Pontevedra)
3º premio CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos (Monforte de Lemos, Lugo)
Accésit CEE A Barcia (Santiago de Compostela, A Coruña)
 

Categoría B

1º premio e distintivo de Centro Educativo Inclusivo IES Fernando Blanco (Cee, A Coruña)
2º premio IES Sanxillao (Lugo, Lugo)
3º premio CIFP Paseo das Pontes (A Coruña, A Coruña)
Accésit IES Valadares (Vigo, Pontevedra)