Friday 22 de November de 2024

Isabel Blanco e Mariana Carballal protagonizan a derradeira sesión do terceiro foro Pensando en Educación


A actriz, presentadora e a tamén actriz, docente e directora falarán dos retos femininos no mundo do teatro, o cine e a interpretación

A terceira edición do foro Pensando en Educación, organizado polo Concello da Coruña a través da súa Concellaría de Educación, chega á súa fin este xoves. A terceira e derradeira sesión estará protagonizada pola actriz e presentadora, Isabel Blanco, e pola actriz, docente e directora, Mariana Carballal. Moderará o coloquio a xornalista Lara Vivero. O acto será ás 19.30 horas na Fundación Paideia (praza de María Pita, 17) e a entrada será de balde ata completar capacidade.

Nesta edición diferentes mulleres de referencia nos seus eidos trataron o modelo de educación fronte aos retos femininos. Este xoves, Isabel Blanco e Mariana Carballal afondarán nos retos que se presentan para as mulleres no mundo do teatro, do cine e da interpretación.

No foro apostouse pola presenza de persoas líderes e referentes nos seus sectores, como é o caso das Tanxugueiras, que protagonizaron o pasado 23 de febreiro a primeira das sesións para falar sobre o papel da muller na música. Na segunda sesión as protagonistas foron dúas destacadas deportistas: a coruñesa Sofía Toro, campioa olímpica, mundial e europea de Vela e xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, e a defensa central do Deportivo Abanca, Raquel García.