Luar na Lubre encabeza o cartel deste evento organizado polo Concello e a asociación cultural e recreativa Tempo Novo
Últimas entradas á venda a través de Ataquilla e os puntos de venda habituais
O Concello da Coruña, en colaboración coa Compañía de Tranvías, establecerá este domingo, 30 de abril, un dispositivo especial de autobuses lanzadeira para asistir aos concertos da ‘Noite dos Crutos’ que terán lugar no Castro de Elviña. O obxectivo desta iniciativa é poder dar resposta á alta demanda de asistentes ao evento e priorizar a súa chegada en transporte público.
Haberá unha liña lanzadeira con itinerario desde a praza de Pontevedra (na parada fronte aoIES Eusebio da Guarda), que fará parada en Juan Flórez, San Pedro de Mezonzo, Alfonso Molina, Paxariñas e na pasarela de Matogrande. O primeiro bus sairá da praza de Pontevedra ás 18.00 horas e haberá unha frecuencia de 10 minutos ata ás 19.30 horas, cando pasará a ser de 30 minutos ata ás 22.00 horas.
Á finalización dos concertos, a partir das 23.00 horas, haberá catro buses lanzadeira desde o Castro de Elviña cara aos distintos barrios da cidade. O primeiro irá ao Barrio das Flores, pasando por Camilo José Cela, avenida de Monelos, Castrillón, Os Castros, avenida de Oza e Catro Camiños. O segundo conectará con Monte Alto a través de Alfonso Molina, praza de Ourense, Juana de Vega, San Andrés e Campo da Leña. O terceiro bus irá ata Os Rosales por Alfonso Molina, rolda de Outeiro e Labañou. O último irá ata Novo Mesoiro.
Últimas entradas á venda
A ‘Noite dos Crutos’ comezará ás 19.00 horas cunha presentación a cargo do artista Xurxo Souto. Acompañado por veciñas e veciños do Castro de Elviña, Souto abrirá camiño á quenda de actuacións, que abranguen ao grupo de cantareiros Maghúa, o prestixioso cuarteto bretón Le Gall-Carré e unha formación da antiga banda de gaitas Os Rexumeiros de Elviña — agrupación moi enraizada en Elviña, que naceu nos anos 90—. O prato forte da xornada será o grupo tradicional Luar na Lubre, unha das bandas galegas máis internacionais e que ten a súa orixe na Coruña.
De cara aos concertos —coa apertura de portas prevista xa ás 18.30 horas—, habilitarase unha zona de asentos, diante do escenario, destinada especificamente a persoas maiores e tamén ás persoas con problemas de mobilidade. A capacidade máxima prevista na contorna das penas da Grela é de, aproximadamente, 2.000 persoas.
As últimas entradas están á venda a un prezo de 10 euros. Poden adquirirse a través de Ataquilla ou no despacho de billetes da praza de Ourense, aberto de luns a venres, de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.
Actividades paralelas
En paralelo a esta ‘Noite dos Crutos’, e xa desde a mañá do domingo 30, levaranse a cabo diversas actividades culturais no Castro de Elviña e a súa contorna, co obxectivo de recuperar e fortalecer os nexos culturais da cidadanía co xacemento, unha das principais iconas arqueolóxicas da Coruña.
Neste sentido, durante o domingo haberá tres quendas de percorridos guiados gratuítos polo Castro de Elviña (ás 10.00, 12.00 e 16.00 horas), a cargo das e dos profesionais que traballan no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.
O procedemento para a reserva de praza nos percorridos guiados será o habitual nas visitas que impulsa o Museo Arqueolóxico todos os domingos do ano: será preciso efectuar a solicitude a través do teléfono 981 189 850.