A actualidade informativa municipal en San Sadurniño está centrada estes días nas posibilidades de desenvolvemento socioeconómico do medio rural, coa Feira da Plantación do domingo, o curso de apicultura da Casa do Mel e o ciclo formativo “Apostando polo sector primario”, no que xa se ofreceron dúas charlas e hai outras dúas previstas para a semana que vén. A maiores destas actividades tamén temos que falar do curso de catro horas sobre plantas medicinais e remedios caseiros que ofrecerá a especialista Begoña Martínez os días 12 e 13 de maio. A inscrición xa pode facerse a través da Sede Electrónica municipal ou presencialmente no Concello, presentando cuberto este formulario e aboando os 15€ que custa o curso.
Nesta actividade veremos os beneficios e contraindicacións que teñen para a saúde distintas especies vexetais que podemos atopar na nosa contorna. O curso ten dúas partes: o venres 12 de 17:30 a 19:30h verase a teoría na Casa da Xuventude e o sábado13 farase unha saída de campo para identificar e recolectar determinadas plantas e flores silvestres. Se o día da saída viñese chuvioso, cambiaríase para máis adiante.
A proposta, impartida pola naturópata Begoña Martínez, precisará un mínimo de 12 inscricións para poder desenvolverse. Está aberta a persoas maiores de 12 anos, que só deberán cubrir e presentar a ficha para anotarse. O pagamento da cota pode facerse por transferencia bancaria ou mediante tarxeta nas oficinas do Concello ou da Casa da Cultura.