Unha vez máis, e xa van tres, o Pleno instou ao goberno local a facer un estudo técnico para realizar a circunvalación de Ribeira pola estrada de Xarás-Frións como propuxo o BNG no seu día. A proposta, asinada de maneira conxunta entre os grupos BNG, PBBI, PSOE e SR, aprobouse por maioría absoluta deixando só ao PP votando en contra.
Os grupos defenderon a necesidade de facer un estudo no que se valore a proposta do BNG de reformar a estrada de Frións-Xarás para convertela na circunvalación que Ribeira precisa. Os argumentos para defender esta alternativa son sólidos por implicar un menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar núcleos habitados e sería máis económica por ter só que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais. Ademais os grupos inciden que esta proposta saca tráfico do centro urbano mentres que o trazado da Xunta promove maior densidade de tránsito polo centro urbano.
O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, explicou que “esta proposta, de facer a circunvalación por Frións, alén de beneficiar a barrios tan poboados como Fafián, Coveliño, As Avesadas e o centro urbano de Ribeira, daríalle servizo á poboación e negocios de Carreira e Aguiño”. Ademais do anterior, Barral detallou que baixan de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao centro de Ribeira poderían escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Avesadas coa conseguinte redución do tráfico rodado no centro urbano.
Pérez Barral, recriminou que o Partido Popular pretenda gastar 10 millóns de euros “enfrontándose a todo o mundo para seguir adiante sen contar con ninguén pois nin os grupos da Corporación nin a veciñanza avalan o trazado proposto pola Xunta”. O concelleiro nacionalista asegurou que tras dous acordos plenarios incumpridos, “esta moción é o emblema demostra que o goberno local é incapaz de cumprir a súa palabra e por tanto, non é de fiar”.
Pérez asegurou que o BNG seguirá traballando para demostrar que existe unha alternativa ambientalmente mellor, socialmente aceptada e economicamente viable. “Estamos contentos, pois demóstrase que as propostas do Bloque benefician ao conxunto da veciñanza ribeirense” concluíu.