Thursday 21 de November de 2024

O BNG insta ao goberno local a buscar unha parcela para crear aparcadoiros no entorno da empresa Jevaso


Os traballadores da entidade situada en Sabón, que conta con máis de mil persoas no seu cadro de persoal, explicaron aos nacionalistas a falta de seguridade viaria da zona, sobre todo á saída do traballo cando coinciden peóns, turismos e camións

O grupo municipal preguntará no pleno deste xoves polo parque infantil situado entre as calles República Dominicana e República Arxentina, as accións contra os plumachos, solicitarán melloras da seguridade viaria no rural e presentarán unha moción para que se constrúa un cemiterio civil

 

O BNG de Arteixo solicitará ao goberno local que tome medidas para mellorar a seguridade viaria no entorno da empresa Jevaso, situada no polígono de Sabón -avenida do Embalse- e cun cadro de persoal de máis de mil persoas. Os representantes da CIG de Jevaso explicaron aos nacionalistas nunha reunión os problemas de inseguridade que se producen sobre todo á hora da saída, cando coinciden peóns, turismos e camións de alto tonelaxe, nunha zona sin beirarrúas, polo que deben transitar pola estrada para chegar aos seus coches.

Por este motivo, os concelleiros do BNG presentarán un rogo na sesión plenaria de abril para que o goberno local proceda, en primeiro lugar, a que se asfalten as cunetas de maneira axeitada para que os vehículos poidan aparcar en batería ou crear unha vía peonil para que poidan atravesar a zona con seguridade. En segundo lugar, instarán ao goberno local a que busque un terreo adecuado para dotar á zona de aparcadoiros disuasorios para o persoal de Jevaso.

Este non é o único rogo sobre seguridade viaria que os nacionalistas levarán a pleno. “Resulta unha denuncia recorrente da veciñanza a falla de seguridade varia no termo municipal do concello de Arteixo”, subliñan na súa solicitude e poñen como exemplo estradas como a da Groufa ou en Uxes, a que sae da Ponte do Ferrocarril e vai cara ao Souto. Por elo, e ante o “evidente perigo” para os peóns, exixen ao goberno local que artelle solucións para aumentar a seguridade viaria en todo o municipio, sobre todo, no rural.

Por outra parte, os nacionalistas preguntarán polo estado dos traballos de adecuación do parque situado entre as rúas República Dominicana e República Arxentina. “Despois da denuncia do BNG parece que algo se fixo, mais queda moito por facer”, afirman. Os nacionalistas consideran que sería “bo facer un parque infantil, mais, polo menos, deberíase arranxar o que hai”

O grupo municipal do BNG tamén preguntará ao goberno local sobre que actuacións está a levar a cabo no concello para eliminar os coñecidos como plumachos. Recordan que esta especie invasora está incluída na listaxe das cen especies máis daniñas para Europa polo proxecto ‘Dellivering Alien Invasive Species Inventories for Europe’.

Moción para a construción dun cemiterio civil

O servizo de cemiterios é unha competencia municipal e no caso de concellos como Arteixo, de máis de 31.000 habitantes, é unha obriga contar cun camposanto de propiedade municipal, para o que debe facer unha reserva de chan de entre cinco mil e dez mil metros cadrados. A pesares de ser unha obriga legal, o municipio arteixán só conta con cemiterios católicos.

Ademais, no principio deste mandato a instancias dunha moción presentada polo concelleiro non adscrito, Antonio Patiño, o pleno de febreiro de 2020, aprobou por unanimidade a moción de construción dun cemiterio municipal civil.

É unha demanda que veñen reclamando por escrito en repetidas ocasións diversos colectivos relixiosos e aconfesionais. En moitas ocasións se ten que pedir permiso ao Arzobispado ou ao sacerdote encargado do camposanto antes de poder enterrar aos falecidos nel. “É pois preciso contar cun cemiterio municipal civil e con seccións para distintas confesións minoritarias para que todos os veciños de Arteixo poidan enterrarse nel, independentemente da relixión que profesen, ou mesmo, que non profesen ningunha”.

Por todo o exposto, o BNG reclama unha vez máis unha proposta que incorpora de xeito reiterado nos seus programas electorais como é a construción dun cemiterio civil público e municipal. Desta maneira, as persoas aconfesionais e/ou de confesións minoritarias poidan ter a súa derradeira morada tras o seu pasamento.

No caso de confesións que requiran un rito funerario que non poida ser atendido (como ser soterrado en terra sen ataúde), piden na súa moción instar á Xunta á redacción dun decreto que modifique o actual, no que se recolla o dereito de calquera persoa a escoller libremente como afrontar o enterro das súas persoas próximas.