A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, desprazáronse esta mañá ao colexio de Piñeiros para asistir á presentación do libro “Lúa”, de Pepablo Patihno. Escolares de primeiro curso de Primaria presenciaron unha presentación moi dinámica na que participaron dende o primeiro momento co autor, que resumiu a temática que aborda nesta obra.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que a convocatoria forma parte dos actos programados dende o Concello con motivo do Día do Libro, que se conmemorou na xornada de onte. Así mesmo, indicou que xa se presentou “Lúa” no CRA de Narón, e nos colexios do Feal, A Solaina, Ayala, A Gándara, Virxe do Mar, Jorge Juan e Ponte de Xuvia.
A protagonista desta obra é Lúa, un personaxe que fará recapacitar ás nenas e nenos sobre os problemas da sociedade. As guerras, os pobos, o egocentrismo e as diferenzas sociais están moi presentes nesta publicación. Un día a Lúa decide baixar á terra para ver que sucede alí e, sobre todo, o motivo polo que hai tanto barullo.
Ferreiro agradeceu a participación dos centros de ensino que se sumaron a esta actividade. “En cada un dos centros quedan uns exemplares deste interesante libro, moi ameno e para o que organizamos estas presentacións co fin de animar ás nenas e nenos a que o lean”. A alcaldesa destacou tamén a implicación do autor, Pepablo Patinho, e o resultado final da súa obra.