Saturday 16 de November de 2024

A Xunta de Goberno aproba a licitación do Centro Integral para a Inclusión Social (CIPIS)


A Xunta de Goberno aprobou hoxe o expediente de contratación do “Centro Integral para a Inclusión Social” (CIPIS)” que conta cun orzamento base de licitación de 835.142 euros. Segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, o obxectivo deste centro de servizos é atender e formar ás persoas en risco de exclusión social. “Axudalas”, subliñou, “na medida do posible” na súa reinserción social e laboral, “préstandolle atención á problemática que plantexen a nivel social, psicolóxico e sanitario”. O que non será, aclarou, é unha residencia.

O centro contará cunha superficie total construída de 1.152 metros cuadrados, e estará ubicado no parque de Belvís, nun dos edificios de titularidade municipal que actualmente está en desuso e que acolleu o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC).

Esta actuación pretende recuperar a imaxe orixinal das edificacións e alterar o mínimo posible a aparencia do conxunto para mellorar a integración na contorna. En canto aos edificios en ruínas, reconstruiranse recuperando a forma e altura orixinais. Estes volumes manterán a súa composición exterior, polo que quedará a pedra vista. Recupéranse os ocos en fachada e ábrense novos ocos na cuberta para garantir a iluminación das estancias superiores.

No exterior, a actuación céntrase en conectar todos os accesos para asegurar a mobilidade entre todas as edificacións. Para iso, realizaranse obras encamiñadas a eliminar barreiras arquitectónicas, modificando o terreo para adaptalo ás cotas dos accesos. Serán maioritariamente zonas verdes con senllas de conexión de laxas de pedra. Desta forma, a imaxe arquitectónica final será unha reprodución dos edificios primitivos. Consérvase a imaxe exterior dos volumes previamente rehabilitados, que están revestidos e pintados de cor branca, e manteranse os ocos actuais polo que a distribución interior adaptarase a eles.

Programa de intervención

O programa da intervención divídese en tres áreas funcionais: Área de acollida e intervención social (AF1), na que se levarán a cabo labores de acollida (primeira atención, valoración, orientación, aproximación diagnóstica, deseño da intervención social), garantirase o aloxamento e cubriranse as necesidades básicas. Este espazo contará con zona de recepción, despachos para traballadores sociais, arquivo, sala de espera e zona de descanso, aseos e duchas segregados por xénero, zona de lavandería, consignas de uso individual, sala de limpeza e un salón de actos para a realización de actividades diversas.

A segunda será a Área de intervención socio-educativa e de atención socio-sanitaria (AF2), a través da cal se coordinarán os distintos servizos sociais comunitarios e dispositivos de atención primaria de saúde e de atención especializada e se levarán a cabo labores socio-educativas (orientación continuada, pautas de saúde e hixiene persoal…) e que contarán con despachos para os/as educadoras e os técnicos, aulas para traballo en grupos, aula de informática, sala de espera e zona de descanso, aseos e comedor-cociña.

Haberá un terceiro espazo, unha Área de incorporación social (AF3), unha zona de dirección e de implementación do Programa municipal de Inclusión Social, que contará con despachos para axente de desenvolvemento local, psicólogo, dirección do centro; aulas para traballo en grupos, aseos, sala de espera e zona de descanso e sala de xuntas.

En canto aos espazos exteriores, adecuaranse para ser utilizados como praza pública e lugar de encontro, así como unha zona para actividade hortícola.

Este proxecto forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (EDUSI – REVIVE COMPOSTELA), dentro do Vector Estratéxico CI “Compostela Inclusiva”, na liña de actuación: “rexeneración económica e social en barrios e/ou colectivos desfavorecidos”.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou, como estaba previsto, o proxecto básico e de execución de reforma da Praza de Abastos que conta cun orzamento base de licitación 518.710,53 euros. Contemplanse actuacións nas marquesiñas, os estores, as portas corredeiras, o cuarto de baño adaptado e a instalación eléctrica da torre central. A previsión é que, unha vez axudicado, as obras, se realicen pola tarde para interferir o menos posible na actividade do mercado.

Outro acordo adoptado, foi a adxudicación do “Servizo de conservación e mantemento do cemiterio de Santiago de Compostela” á empresa Funeraria Tanatorio Apóstol Santiago, SL. por dous anos e por un importe total de 311.454,00 euros.

A súa oferta foi a máis vantaxosa das presentadas, comprometéndose na mesma a distintas melloras. Entre elas, a asunción dos gastos de dez inhumacións por beneficiencia; a subministración e plantación de flor de tempada en zonas axardinadas en outono e verán, e arranxos florais na capela durante todo o ano.

Tamén se adxudicou o contrato, por dous anos, para a prestación do “Servizo de mantemento das instalacións térmicas dos edificios e locais municipais” á empresa Sacyr Facilities, SA, por un importe total de 217.613,15 euros.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local acordou impor unha penalidade de 6.000 euros a Servisar Servicios Sociales, S.L., que xestiona o “Servizo de Atención no Fogar”, por incumprimento grave na execución do contrato.

Aprobouse, ademais, o texto do convenio entre a empresa Corporación Hijos de Rivera S. L. e o Concello de Santiago de Compostela para a colaboración nas festas de Santiago de Compostela desde este ano, 2023, ao 2026.