Friday 22 de November de 2024

Mofa e Befa, este sábado no Gabriel García Márquez de Mera


O sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, Producións Teatrais Excéntricas presenta a comedia Mofa e Befa-Pirolíticos, de Lucía Aldao e María Lado, dirixida por Clara Gayo e coa interpretación de Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. As entradas teñen un prezo de 4 euros e pódense adquirir a través de Ataquilla.com ou desde unha hora antes na billeteira do auditorio.

Cunha estrutura en sketches, como é habitual en Mofa e Befa, e, por suposto, con música (desta volta, cun marcado estilo perrallas rock), Pirolíticos escenifica situacións ben recoñecibles polo público, co fin de conseguir unha mellor comprensión da “Guía Rápida para unha Correcta Pirólise”. As autoras presentan personaxes que intentan e fracasan ou que non saben por onde empezar, personaxes que de súpeto experimentan vivencias que en ningún caso vivirían polo feito de seren homes, personaxes que intentan familiarizarse con toda a nova terminoloxía que nos últimos tempos describe tendencias, identidades, actitudes, gustos e desgustos… Mofa e Befa saen do armario con lentes violeta e non lles quedan nada mal.

VENDA DE ENTRADAS: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/teatro/auditorio-gabriel-garcia-marquez/15221–mofa-e-befa-piroliticos-de-producions-teatrais-excentricas-sl.html